A USC asina con Agbar e outras 20 universidades españolas e centros de investigación un manifesto polo coñecemento e a innovación
A Universidade de Santiago de Compostela participou este martes en Barcelona na iniciativa de Aigües de Barcelona, a Fundación Agbar e CETaqua destinada a estreitar os lazos con universidades e centros de investigación tecnolóxica para impulsar a innovación e a transferencia do coñecemento entre o mundo universitario e o empresarial. O vicerreitor de PDI e Titulacións, Jesús López Romalde, e o profesor da USC Juan Lema, asistiron á sinatura do Manifesto pola Innovación e o Coñecemento xunto cunha decena de reitores e vicerreitores de universidades españolas de referencia así como representantes de diferentes centros tecnolóxicos e de investigación cos que colabora Agbar. Así, todas estas institucións comprométense a estimular unha cultura emprendedora e de apoio á creación de empresas de base tecnolóxica. O acordo pretende fomentar a transferencia de coñecemento e o talento existente nas comunidades universitaria e tecnolóxica coas empresas para mellorar a súa eficiencia e xerar un maior valor engadido que favoreza un desenvolvemento económico sustentable e sostido en beneficio de toda a sociedade. Cetaqua Galicia O edificio Emprendia da Universidade de Santiago acubilla Cetaqua Galicia, unha fundación da que ademais son socios Aqualogy, Viaqua e o CSIC e que comezou a súa actividade no ano 2011. A rede de centros tecnolóxicos CETaqua, que proximamente chegará a Chile, executou en 2012 un total de 92 proxectos de investigación relacionados co ciclo integral da auga, cun investimento global de 8 millóns de euros, e na actualidade traballa en máis dunha vintena para ofrecer solucións tecnolóxicas innovadoras.