A USC asiste á presentación do plan de actuación da Aneca para 2007
A Axencia Nacional da Avaliación da Calidade e Acreditación (Aneca) presenta este mércores en Madrid o seu plan de actuación para o presente ano 2007. Ao acto, dirixido aos vicerreitores de calidade e directores das unidades técnicas das universidades españolas, asiste en representación da USC o adxunto á vicerreitora de Calidade e Planificación, Pedro Faraldo.
No mesmo acto presentarase o Programa DOCENTIA de apoio á avaliación da actividade docente do profesorado universitario, que a Aneca vai despregar conxuntamente coas axencias autonómicas de calidade universitaria. Trátase dunha iniciativa pola que as axencias, ademais de proporcionar a ferramenta e o modelo, ceden ás institucións protagonismo no deseño da súa guía así como o alcance que queren que teña este recurso de garantía de calidade interna como unha axuda á hora de asegurar non só a cualificación da súa plantilla senón especialmente a calidade da docencia que nela se imparte.
Pola súa banda, as axencias levarán a cabo a certificación do procedemento resultante deseñado por cada universidade e velarán pola coherencia de todo o proceso nunha escala global. Deste xeito, as axencias continúan empregando os mecanismos de colaboración mutua naqueles ámbitos onde esta colaboración implica unha mellora suplementaria para o traballo das universidades e do sistema no seu conxunto.