A USC asiste en Teherán ao Seminario sobre Internacionalización da Educación Superior
A USC vén de participar no Seminario sobre Internacionalización da Educación Superior celebrado en Teherán coa presenza de participantes dunha ducia de países (Alemaña, Australia, Bulgaria, Canadá, Francia, Irán, República Checa, Suíza, Ucraína). Durante este encontro abordáronse os retos e perspectivas que afronta a colaboración internacional no ámbito universitario en cuestións de investigación, os programas KA-107 e Capacity Building, así como o recoñecemento de créditos e a xestión estratéxica de proxectos de cooperación. Co patrocinio da USC, foi unha actividade organizada pola Tehran University of Medical Sciences (TUMS), un dos centros de ensinanza e investigación médica máis reputados de Asia.
O encontro contribuíu a fortalecer a colaboración entre a USC e as universidades iranianas, dando continuidade ás accións iniciadas a raíz da visita dunha ampla delegación da USC encabezada polo reitor e as vicerreitoras de Internacionalización e de Investigación e innovación en abril de 2016.
Nesta ocasión, a delegación estivo formada por Jacobo Feás Vázquez, asesor da Vicerreitoría de Internacionalización e profesor de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, e por Ramón Bouzas Lorenzo, decano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, quen, respectivamente, disertaron sobre os ‘Proxectos de Cooperación da Unión Europea: resultados e leccións aprendidas’ e os ‘Pasos claves da planificación estratéxica: actores, procesos e liderado’. Igualmente, formaron parte do grupo de traballo Adolfo de los Reyes Molina en calidade de representante do Servizo para a Internacionalización da Educación adscrito ao Ministerio de Educación (SEPIE), quen presentou os programas Erasmus +, KA107 e CBHE que actualmente España mantén con Irán.
A visita completouse coa celebración da reunión de selección da terceira convocatoria do programa Erasmus Mundus Marhaba que xestiona as mobilidades dende Irán, Iraq e Iemen á Unión Europea e dende esta a Irán. Como resultado, seis estudantes da USC realizarán mobilidades a Teherán no vindeiro curso.