A USC e a Asociación de Escritores en Lingua Galega intercambiarán experiencias nos eidos da docencia, a investigación e a promoción cultural

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, asinaron este venres en San Xerome un convenio de colaboración para fomentar o intercambio de experiencias nos ámbitos da docencia, a investigación e a promoción cultural.
Tras a sinatura do acordo, Cesáreo Sánchez manifestou a importancia do acto por permitir a implicación dos escritores na vida académica achegando a súa capacidade creadora. O documento subscrito, en opinión do presidente da Asociación de Escritores, inicia un enriquecedor camiño de colaboración que se materializará na co-realización de actividades en común coa USC. Neste senso, destacou Cesáreo Sánchez o interese da súa asociación por poñer en valor a produción escrita realizada por investigadores e científicos por medio da celebración dunha xornada especializada.
Pola súa banda, o reitor compostelán lembrou o compromiso da USC coa defensa, desenvolvemento e difusión de Galicia e a súa cultura, vontade que se manifesta, entre outras formas, na colaboración cotiá de investigadores e docentes universitarios nas aulas e en numerosos foros a prol da lingua, literatura e cultura galegas. Barro tamén indicou que a USC é o lugar onde se formaron boa parte dos escritores galegos da época contemporánea, algúns deles membros activos do cadro de profesores da USC.
O convenio
As entidades asinantes consideran de fundamental importancia establecer relacións de intercambio para contribuír deste xeito á promoción da lingua e literatura galegas e estimular o seu coñecemento dentro e fóra de Galicia. Deste xeito, o acordo establece as bases de cooperación na defensa e normalización do feito literario e lingüístico de Galicia.
En concreto, e de maneira conxunta, teñen previsto a organización e deseño de roteiros literarios co obxecto de salvagardar e difundir a memoria literaria e artística, así como de percorridos con memoria de autores actuais de xeito que vencellen as letras galegas a escenarios íntimos, biobibliográficos, relacionados con escritores de recoñecido prestixio.
Outras actividades previstas serán a organización de obradoiros literarios para universitarios e de posgraos especializados nos dereitos de autor e na defensa da propiedade intelectual en Galicia. Por outra banda, a USC colaborará coa Asociación na consolidación do Centro de Documentación de Escritores Galegos.