Ir o contido principal

USC e Augas de Galicia fomentarán a economía circular na xestión avanzada dos recursos hídricos

Antonio López e Ethel Vázquez na sinatura do convenio. FOTO: Santi Alvite
Antonio López e Ethel Vázquez na sinatura do convenio. FOTO: Santi Alvite
O Centro Singular CRETUS súmase ao proxecto Innovaugas 4.0 no que se desenvolverá unha diagnose de oportunidades dentro do ciclo integral da auga en Galicia
Santiago de Compostela

Desenvolver solucións que permitan unha xestión avanzada dos recursos hídricos galegos e impulsar a investigación e innovación dende o lado da demanda co fin de que esa mellora dos servizos públicos sexa cómplice dunha mellora da competitividade empresarial. Estes son os dous obxectivos principais que persegue o proxecto Innovaugas 4.0 ao que acaba de sumarse a USC a través do convenio de colaboración que o reitor Antonio López asinou este mércores 27 coa empresa Augas de Galicia, en cuxa representación actuou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel María Vázquez Mourelle.

O reitor puxo o foco na auga como unha das riquezas de Galicia, motivo polo cal “temos a responsabilidade de xestionala da mellor forma posible”. Antonio López destacou a función de transferencia de coñecemento da Universidade coa intención de “mellorar as condicións de vida da cidadanía”. Nesta mesma liña, pronunciouse Ethel Vázquez quen subliñou que Innovaugas 4.0 permitirá “converter os residuos en recursos”, feito que cobra especial relevancia no contexto actual de cambio climático, engadiu.

A USC participa no proxecto a través do seu Centro Singular CRETUS, Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais, que desenvolve e avalía tecnoloxías ambientais sostibles buscando solucións que permitan minimizar impactos e riscos, tratando de recuperar recursos, a través de procesos que sexan económica, social e ambientalmente viables.

O profesor Juan Lema, que interveu no acto en representación do centro, subliñou como este proxecto caracterízase polo seu “enfoque holístico” xa que non só acomete a recuperación de recursos a través da introdución da economía circular na xestión integral do ciclo da auga, senón que tamén profunda no impacto que este tipo de estratexias teñen na sociedade xa que, tal e como explicou, “a opinión pública é fundamental” e  o que non é aceptado pola sociedade “non ten moito camiño”, matizou.

Tamén participou na sesión que se desenvolveu no Salón de Graos do Colexio San Xerome, Iván Cacheiro Villamisar, en representación de Augas de Galicia. Cacheiro Villamisar destacou que a elección do CRETUS débese a que se trata dun “centro punteiro a nivel mundial”. Estiveron presentes no acto a directora do CRETUS, Maite Moreira; xunto cos investigadores Anuska Mosquera Corral, José Manuel Sabucedo Cameselle, Miguel Mauricio Iglesias e Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación.

Tres retos

Innovaugas 4.0 estrutúrase ao redor de tres retos: sistema integral de información hidrolóxica para unha xestión avanzada dos recursos hídricos, fortalecemento das capacidades de preparación e adaptación ao cambio climático; e economía circular no ciclo integral da auga, no que profundará o CRETUS da USC.  

No marco deste convenio de colaboración elaborarase de forma conxunta unha diagnose de oportunidades de economía circular na xestión do ciclo integral da auga en Galicia. Particularmente, abordarase o potencial de produción de enerxía mediante co-dixestión anaerobia de lodos e residuos en estacións depuradoras de augas residuais (EDAR), desenvolverase unha metodoloxía que permita a cuantificación das accións de economía circular a través da definición e validación de indicadores de circularidade na xestión e operación de EDAR e traballarase na consecución dunha percepción social favorable para usos de auga reciclada e recursos recuperados das augas residuais.

Por outra banda, avanzarase na investigación e desenvolvemento de propostas de accións para a implantación do modelo de economía circular. Nomeadamente, na produción selectiva de ácidos graxos volátiles, na obtención de bioplásticos a partir da fracción graxa da auga residual, na identificación de barreiras ambientais que dificulten a utilización da auga rexenerada e nas estratexias de alta carga que permitan maximizar o aproveitamento da materia orgánica na liña de lodos. Por último, abordarase a problemática da asunción de fosas sépticas en estacións depuradoras de augas residuais, a través do balance de materias para cuantificar a marxe de absorción.

Investigadores do CRETUS estiveron presentes no acto. FOTO: Santi Alvite
Investigadores do CRETUS estiveron presentes no acto. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.08.2022.