A USC e a Axencia Estatal de Meteoroloxía, 35 anos de colaboración continuada
A posibilidade de que chova os días 2 ou 9 de novembro en Santiago é bastante elevada. Segundo os rexistros dos últimos 35 anos, estas dúas datas encabezan a lista dos días do ano nos que máis veces se recolleron precipitacións. Concretamente, o 9 de novembro choveu en 29 ocasións, o 82% das 35 posibles. Este xogo de cifras é hoxe posible grazas á colaboración ininterrompida de rexistro de datos meteorolóxicos que a une dende 1982 á USC primeiro co Instituto Nacional de Meteoroloxía e posteriormente coa Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).
Nestas tres décadas e medio realizáronse dúas observacións diarias con absoluta continuidade facendo uso da estación manual da USC, o que reportou máis de 26.000 observacións meteorolóxicas que abranguen, cada unha, medidas de precipitacións, temperaturas máxima e mínima, presión atmosférica, horas de insolación ou estado do ceo, entre outras. Co obxecto de conmemorar este aniversario, o Instituto de Matemáticas organizou este xoves 2 de marzo un acto académico que presidu o reitor Juan Viaño na Aula Magna da Facultade de Matemáticas e no que tamén participarán o director do Centro Meteorolóxico Territorial de Galicia, Francisco Infante Alonso, e o director do Instituto de Matemáticas da USC, Alberto Cabada Fernández.
Para introducir a sesión o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, presentou algúns dos datos destacados respecto da colección de rexistros meteorolóxicos obtidos nestas últimas tres décadas e media nas instalacións universitarias. Entre 1982 e 2017, o 21 de outubro é a xornada que acumula máis cantidade de chuvia (579,2 litros/m2) e o 14 de outubro de 1987 a de máxima precipitación nun único día (137,9 l/m2). No mesmo capítulo das precipatación, e como deu conta o profesor Docobo, os meses nos que choveu todos os días foron decembro de 2000, xaneiro de 2014 e novembro de 1997, sendo o primeiro deles ademais o mes con maior cantidade de auga recollida, 782,1 litros/m2.
Á vista dos datos datos recompilados, José A. Docobo tamén explicou que a media anual de días sen precipitacións ascende a 180,7 días, practicamente a metade dos posibles (49,5%). Noutros 21,2 días (5,8%) as precipitacións foron inapreciables. Neste senso, o 20 de xullo de 1990 foi o de temperatura máxima absoluta (40º3) mentres que no outro lado se sitúa o 9 de xaneiro de 1985 (-4º3).
Para completar esta xornada conmemorativa, en nome da AEMET José Antonio García-Moya pronunciou a conferencia ‘Os modelos numéricos de predición do tempo. Pasado, presente e futuro’.
Longa tradición
A USC posúe unha longa tradición na obtención de datos meteorolóxicos, o que a converta na institución galega que dispón da serie de rexistros máis longa. Xa en 1849, o entón decano de Filosofía, Antonio Casares, promovera a creación dun Observatorio Meteorolóxico que se instalou na terraza do edificio da Universidade, na actual Facultade de Xeografía e Historia. Así, a USC adiantábase á Real Orde de 1854 que instaba ás universidades e institutos a iniciar medicións meteorolóxicas, fundamentalmente de temperatura, choiva e presión atmosférica. Xa no século XX, as observacións continuaron a facerse diariamente, salvo curtas interrupcións.
En 1945, o profesor Ramón María Aller incorpora ao Observatorio Astronómico da Universidade unha garita meteorolóxica coa que, dous anos despois, se iniciaron as medidas meteorolóxicas deste Observatorio de forma case continuada ata setembro de 1981. Ese mesmo ano, incorpórase á universidade compostelá o profesor José Ángel Docobo que recibe o encargo do reitor Suárez Núñez de recuperar globalmente o Observatorio Astronómico.
As observacións meteorolóxicas reiniciáronse o 1 de xaneiro de 1982, inicialmente só para uso do Observatorio Astronómico e tamén para os distintos usuarios da Universidade. Deseguido, o Centro Meteorolóxico Territorial de Galicia con sede na Coruña interesouse polos rexistros da USC, únicos naquel momento da cidade de Santiago de Compostela, iniciando así unha relación que alcanza agora o seus primeiros 35 anos de vida.
A garita meteorolóxica está situada a carón do Observatorio Astronómico en Campus Vida