A USC dá a benvida ao alumnado internacional no Welcome Day

Coa celebración este sábado 14 do Welcome Day 2019, a USC dá a benvida ao alumnado internacional que vai cursar estudos na institución académica este curso 2019/20. A xornada, organizada polo Servizo de Relacións Exteriores, celebrouse nos xardíns do Colexio de Fonseca. O reitor Antonio López presidiu a sesión inaugural que tamén contou coa participación da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; da concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas, Noa Díaz Varela; e do vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez.
Na presentación do evento, o reitor compostelán subliñou a importancia da dimensión internacional das universidades, “a internacionalización é un imperativo no contexto actual, polo que o International Students Welcome Day é un evento clave para amosar a súa relevancia” dixo. O obxectivo perseguido pola USC é “xuntar esforzos e establecer sinerxías entre institucións públicas e privadas a prol da internacionalización, para amosar os beneficios que reporta á universidade, á cidade de Santiago e a Galicia no eido económico, cultural e social”, engadiu.
Tamén o vicerreitor aludiu á dimensión internacional da USC e ao seu rol de liderado dentro do sistema universitario español en programas de mobilidade e cooperación internacional, “a USC é líder en proxectos de cooperación entre universidades ocupando o terceiro posto no ranking a nivel europeo e no primeiro posto en España, alternándose coa Universidade de Granada”. Na súa opinión, “ a importancia da internacionalización reflíctese ademais no incremento exponencial do cadro de persoal dedicado a este ámbito, pasando de 3 a 30 empregados en dúas décadas”, indicou Arce. “Por outra banda, o contacto con outras culturas é totalmente enriquecedor para o noso alumnado, neste senso os programas de mobilidade son vitais porque achegan o que en termos universitarios se denomina a internacionalización na casa ou a diversidade na aula”, concluíu.
O programa do evento contou con diferentes actividades encamiñadas a presentar a universidade compostelá entre o novo alumnado, así como diferentes aspectos da cultura galega. Tamén se desenvolveron diversas actividades de tipo lúdico, como dinámicas de grupo para que os alumnos interactuaran entre eles e unha mostra de música tradicional galega do Espazo de Danza da USC. A continuación serviuse un xantar con diferentes produtos típicos da gastronomía galega.
Este curso académico a USC conta con máis de 1.000 estudantes internacionais procedentes de 40 países, que pertencen a diversos programas de mobilidade. Aínda que a mobilidade na universidade se segue asociando fundamentalmente ao programa Erasmus e ao ámbito territorial de Europa, a USC nos últimos dez anos ampliou dunha forma substantiva e significativa o tipo de programas e o seu ámbito xeográfico, incluíndo actualmente programas con China, Xapón, múltiples países do ámbito latinoamericano, Líbano, Marrocos, Palestina, Exipto ou Afganistán, entre outros.
A USC ten actualmente 600 convenios de mobilidade asinados, o que implica posibilidades de mobilidade con practicamente todo o mundo, fundamentalmente con Iberoamérica, por motivos culturais, históricos, pero tamén con diferentes países do norte de África, Canadá, Australia, Estados Unidos ou Oriente Medio.