A USC bota a andar o Paquete de Traballo de Investigación, innovación e emprendemento no marco do consorcio EUniWell
A Universidade de Santiago de Compostela pon en marcha o Paquete de Traballo 8 (WP8), dedicado á investigación, innovación e emprendemento, que lidera ata 2027 no marco do proxecto EUniWell-Weff do consorcio europeo de universidades EUniWell (European University for Well-Being). Este paquete, cuxa coordinación asume a USC para os vindeiros anos, está supervisado polas vicerreitoras de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera, e de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e coordinado por Juan Antonio Corrales (coordinador académico) e Helena Martínez Cabrera (xestora de investigación).
O WP8 ten a misión de conectar as actividades de investigación, innovación e emprendemento dentro do consorcio europeo para aumentar a capacidade institucional dos seus membros e consolidar a súa especialización en materia de benestar. O paquete articúlase arredor tres obxectivos principais: mellorar o acceso a financiamento competitivo de investigación e innovación; capacitar o persoal investigador naquelas competencias máis demandadas no mercado laboral; e preparar tamén á comunidade investigadora para que, a través da actividade científica e técnica, poida contribuír a resolver retos sociais.
Entre as tarefas previstas para alcanzar os propósitos establecidos neste paquete de traballo, a USC impulsará unhas iniciativas moi concretas, como son a creación dunha Escola de Desenvolvemento de Carreira profesional para persoal investigador predoutoral e posdoutoral, o establecemento dunha Oficina de Apoio á Ciencia Aberta, a elaboración dunha Axenda para a Avaliación e Recoñecemento da Ciencia Responsable, a instauración dun Centro de Estudos Avanzados, o deseño dun Val de Innovación e a selección de embaixadores EUniWell para tarefas de divulgación e investigación.
En liña cos valores promovidos dende o consorcio EUniWell, trátase dun paquete de traballo colaborativo no que, baixo o liderado da USC, participan tamén as universidades de Murcia, as alemás de Colonia e Constanza, a italiana de Florencia, as francesas de Inalco e Nantes e a sueca de Linnaeus. Helena Martínez, xestora de investigación do WP8 na USC, recoñece esta diversidade como unha oportunidade que permitirá “reforzar a colaboración entre universidades con especializacións en materia de investigación e innovación moi distintas”. Entre os resultados esperados, Martínez sinala “a mellora das ratios de éxito en convocatorias de financiamento competitivo” e o aumento da “contribución das universidades á resolución de retos sociais, aplicando o coñecemento xerado de novos xeitos”.
Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a páxina de EUniWell da USC ou trasladar as súas dúbidas a través do correo electrónico euniwell [at] usc.gal (euniwell[at]usc[dot]gal).