Ir o contido principal

A USC, á cabeza mundial do rendemento científico en matemáticas e ciencias da computación

A USC, á cabeza mundial do rendemento científico en matemáticas e ciencias da computación
A USC, á cabeza mundial do rendemento científico en matemáticas e ciencias da computación
O ranking Leiden CWTS 2013 mide o rendemento científico das 500 universidades máis importantes do mundo

A Universidade de Santiago de Compostela ocupa a terceira posición mundial en canto ao rendemento científico no ámbito das matemáticas e as ciencias da computación, segundo o ránking da Universidade de Leiden (Países Baixos). Tomando como referencia os índices de citación das publicacións científicas, a USC nesta área só é superada pola Universidade de Stanford e polo Instituto de Tecnoloxía de California, ambas as dúas institucións norteamericanas. As publicacións nas revistas de maior impacto das cinco áreas de coñecemento de estudo sitúan a Universidade de Santiago como a terceira de España, por detrás de Barcelona e Politécnica de Valencia. Ese mesmo criterio coloca á USC no posto 139 de Europa e 317 mundial. A USC presenta tamén notables resultados nas outras áreas de coñecemento analizadas. Así, figura no terceiro posto de España en resultados por índice de citacións en biomedicina e ciencias da saúde e está sempre entre as dez primeiras en diferentes indicadores nas áreas de ciencias da vida e da terra, humanidades e ciencias sociais e ciencias naturais e enxeñarías. Indicadores avanzados O ránking Leiden CWTS 2013 mide o rendemento científico das 500 universidades máis importantes de todo o mundo, entre as que sitúa a compostelá, a partir dos datos de publicacións indexadas da Web of Science da Thomson Reuters no período 2008-2011. Ten como obxecto proporcionar medicións moi precisas do impacto científico das universidades e da súa participación na colaboración científica. En comparación con outras clasificacións universitarias, o ránking ofrece indicadores máis avanzados de impacto científico e colaboración, empregando unha metodoloxía transparente que non se basea en enquisas nin datos facilitados polas propias institucións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2013.