USC e CaixaBank reúnense para analizar novas vías de colaboración

O reitor Juan Viaño e o director territorial de CaixaBank en Galicia, Emilio Barreiro, mantiveron este mércores un encontro no Colexio de San Xerome que serviu tanto de presentación do novo directivo da entidade bancaria como para avaliar o desenvolvemento do convenio de colaboración entre ambas partes. Dentro deste convenio CaixaBank financia, entre outras iniciativas, a carpeta clasificadora que anualmente se entrega ao alumnado universitario durante o período de matrícula.
Nos últimos anos, a campaña de imaxe durante o período de matrícula na USC e de xeito destacado a carpeta do alumnado estivo protagonizado por un deseño realizado por reizentolo que buscou actualizar a imaxe existente facéndoa atractiva para a mocidade ao tempo que incorporou o entorno e o emprazamento totalmente integrado das facultades nas cidades que as acollen como elemento diferenciador.
Dentro do mesmo ámbito de colaboración e como se puxo de manifesto na xuntanza, Obra Social ‘ la Caixa’ manterá a súa participación igualmente no programa de Mentoring inclusivo enmarcado, a súa vez, en Mentoring USC Desenvolvemento Profesional. A súa finalidade é a posta en contacto de estudantado de máster e derradeiro ano de grao que teña acreditada a súa condición de discapacidade con directivos profesionais que poidan orientalos e apoialos na busca de emprego e no desenvolvemento da súa carreira profesional.
No encontro quedou constancia tamén do interese tanto por parte da USC como da entidade bancaria por ampliar o abano de ámbitos de colaboración conxunta. As propostas iniciais que se expuxeron ao longo do encontro analizaranse nas próximas semanas nunha mesa técnica integrada por representantes de ambas partes. Na xuntanza participaron ademais a directora do Centro de Instrucións de CaixaBank, Mª Jesús García; as vicerreitoras de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social e de Comunicación e Coordinación, Dolores Álvarez e Rosa Crujeiras, e o asesor de imaxe institucional, o profesor Enrique Castelló.
A xuntanza celebrouse no despacho Reitoral en San Xerome. Foto: Servimav-USC