USC e Caixanova achégannos nunha mostra o mundo bereber
USC e Caixanova convidarán ao que se achegue ao Colexio de Fonseca a realizar unha exótica viaxe cara ao mundo Bereber, percorrendo as zonas poboadas por estes nómades, o Sáhara e o Norte de África, e prestando unha especial atención ao territorio comprendido entre o Atlas e o Grande Atlas.
A exposición itinerante ‘Bereberes, os señores do deserto’, produción da Obra Social de Caixanova en colaboración nesta ocasión coa Vicerreitoría de Cultura da USC, inaugurarase o vindeiro mércores, día 16, ás 20:00 horas no Colexio de Fonseca, onde poderá visitarse ata o 17 de febreiro.
En total exporanse algo máis dun centenar de pezas de excepcional importancia, entre as que destacan xoias, fíbulas, pectorais, colares, coroas, braceiros ou protectores do nortello realizadas maioritariamente en prata, con esmaltes, corais, ámbar, coiros e seda. Pezas que chaman a atención pola súa inigualable beleza e esplendor.