Ir o contido principal

USC, Capaces Lugo e o Lucus Caixa Rural Galega fomentan o deporte entre persoas con trastornos de espectro autista (TEA)

María Mosquera, Carme Silva e Erika Rodríguez, na presentación do programa de deporte inclusivo na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
María Mosquera, Carme Silva e Erika Rodríguez, na presentación do programa de deporte inclusivo na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
Estudantes de Enfermaría e Profesorado axudarán como voluntarios ás persoas con TEA que participen nas sesións de atletismo guiadas por un monitor especializado

O Servizo de Participación e Integración Universitaria dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, a asociación Capaces Lugo, que agrupa a familias de persoas que presentan trastornos de espectro autista (TEA) e de trastornos de comunicación, e o Clube de Atletismo Lucus Caixa Rural Galega, impulsan un proxecto para fomentar a participación de persoas con trastornos de espectro autista (TEA) en actividades deportivas como o atletismo.

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a presidenta do Clube de Atletismo Lucus Caixa Rural Galega, Erika Arribas Rodríguez, e María Mosquera Carbón, directiva da asociación Capaces Lugo, presentaron este mércores o proxecto orientado a favorecer a integración social das persoas con trastornos do espectro autista (TEA) a través da práctica deportiva. Este programa de deporte inclusivo contempla sesións semanais que estarán supervisadas e guiadas por un monitor especializado e nas que tamén participación como voluntarios estudantes de Enfermaría e de Formación do Profesorado. O atletismo é unha práctica deportiva que facilita que os rapaces con trastornos do espectro autista (TEA) e/ou trastornos da comunicación podan iniciarse nunha actividade de grupo, un cometido no que colaborará o equipo de voluntarios universitarios, dirixido por un monitor especialista, que participará nas sesións deportivas que se desenvolverán os mércores, en horario de 18.00 a 19.00 horas, nas pistas ‘Gregorio Pérez Rivera’, onde os rapaces con trastornos do espectro autista (TEA) e/ou trastornos da comunicación coincidirán con outros usuarios/as. A primeira das sesións deste proxecto, cuxo desenvolvemento terá continuidade ata o mes de xuño, desenvolverase esta tarde. As entidades promotoras desta iniciativa confían en que este programa teña continuidade ao longo do vindeiro curso académico. Ademais, no acto de presentación fíxose fincapé no feito de que o enfoque lúdico das sesións, xunto co seu elevado grao de estruturación, permitirán aos rapaces entre 7 e 9 anos poder iniciarse nunha práctica deportiva adaptada que achega tamén beneficios físicos para a súa saúde. Este proxecto de iniciación ao atletismo forma parte das actividades de participación social que a USC recoñece academicamente ao seu alumnado e o seu desenvolvemento é posible grazas á colaboración entre o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, a asociación Capaces Lugo e o Clube de Atletismo Lucus Caixa Rural Galega. Esta nova actividade reforza as ligazóns entre a USC e Capaces Lugo, unha asociación que agrupa a familias con trastornos do espectro autista (TEA) e de trastornos da comunicación centrada na formación e na sensibilización na provincia de Lugo, que xa en 2015 ofreceu unha charla sobre trastornos da comunicación dirixida a a alumnado da Facultade de Formación do Profesorado e na que participaron como relatoras Macarena Campo Lago e Olga Dablanca. Aberta a inscrición no curso de iniciación ao voluntariado e á cooperación en Lugo O curso de iniciación ao voluntariado e cooperación no campus de Lugo, poderá cursarse de forma autónoma no campus virtual entre 1 de febreiro e o 30 de abril. Esta modalidade formativa conta con titorías presenciais, ás que se poderá acudir todos os mércores. As sesións de titoría servirán de guía para a elaboración da memoria que os participantes neste programa formativo deben presentar ao finalizar o curso de iniciación ao voluntariado, a fin de que sexa recoñecido academicamente con 2 créditos ECTS ou créditos de libre configuración. O custe da inscrición no curso de iniciación ao voluntariado e á cooperación programado pola USC no campus de Lugo é de 60 € . As persoas interesadas poden formalizar a súa matrícula ata 15 de abril no espazo web do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.01.2016.