A USC celebra este luns o acto académico da festividade de San Tomé de Aquino na Facultade de Humanidades de Lugo
A Universidade de Santiago de Compostela celebrará acto académico con motivo da festividade de San Tomé de Aquino, patrón das universidades, o vindeiro luns, 27 de xaneiro, ás 12.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades do campus de Lugo.
O reitor da USC, Juan José Casares Long, abrirá esta solemne cerimonia académica, que tradicionalmente se celebra na sede universitaria luguesa, logo de que o grupo vocal ‘Solo Voces’ interprete o ‘Veni Creator’. O catedrático do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC e profesor na Facultade de Humanidades de Lugo, José Manuel Oro Cabanas, pronunciará de seguido a lección maxistral da festa de San Tomé de Aquino, unha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘Ensinanza/aprendizaxe da lingua inglesa. Tradición e modernidade’. O discurso do reitor magnífico da Universidade de Santiago de Compostela e a posterior entoación do ‘Gaudeamus Igitur’, a cargo do grupo vocal ‘Solo Voces’, servirán de colofón dun acto académico que, ano tras ano, congrega no campus de Lugo un nutrido grupo de autoridades académicas e políticas, ademais de destacados persoeiros do eido empresarial social.