Ir o contido principal

A USC celebra este luns o acto académico de San Tomé de Aquino na Facultade Administración e Dirección de Empresas de Lugo

A profesora María Isabel Neira Gómez pronunciará unha lección maxistral baixo o título ‘O valor do impar: o talento innovador’

A Universidade de Santiago de Compostela celebrará acto académico con motivo da festividade de San Tomé de Aquino, patrón das universidades, o vindeiro luns, 26 de xaneiro, ás 12.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo.

O reitor da USC, Juan Manuel Viaño Rey, abrirá esta solemne cerimonia académica, que tradicionalmente se celebra na sede universitaria luguesa, logo de que a Orquestra do Espazo de Cámara da USC interprete o ‘Veni Creator’. A profesora do Departamento de Economía Cuantitativa da USC María Isabel Neira Gómez pronunciará de seguido a lección maxistral da festa de San Tomé de Aquino, unha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘O valor do impa: o talento innovador’. O discurso do reitor magnífico da Universidade de Santiago de Compostela e a posterior interpretación do ‘Gaudeamus Igitur’, a cargo da Orquestra do Espazo de Cámara da USC, servirán de colofón dun acto académico que, ano tras ano, congrega no campus de Lugo un nutrido grupo de autoridades académicas, políticas e militares, ademais de destacados persoeiros do eido empresarial e social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2015.