A USC celebra a Semana das Linguas con proxeccións de cine, recitais, conferencias e concursos nos Campus de Santiago e Lugo
O Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago conmemora dende o luns día 3 a Semana das Linguas cunha serie de actividades coas que se pretende chamar a atención sobre a importancia das linguas ofertando a toda a comunidade universitaria e á sociedade en xeral unha serie de eventos nos Campus de Santiago e Lugo.
Esta celebración coincide coa conmemoración do Ano Internacional das Linguas e no programa se inclúen conferencias, concursos, exposicións, recitais poéticos e proxeccións de cine.
No Campus de Santiago as actividades darán comezo o luns coa conferencia, ás 11:00 horas, na Facultade de Filoloxía, do antropólogo Paulo Jablonski, co título ‘Galego de postal: un século a enviar estereotipos’. O Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas acollerá, ás 17:00 horas, unha charla sobre as coincidencias do español e o italiano, a cargo de Cristina Hernández e Concepción Fernández. De seguido proxectarase o documento ‘A Taranta’, coa intervención de María Capuzzolo. Rematarán a xornada cun recital de poesía francesa, a cargo dos alumnos.
O martes 4, na Facultade de Filoloxía, proxectarán en versión orixinal o filme ‘Lola rennt’ (Lola corre), ás 16:30 horas, e haberá unha conferencia sobre a cançó catalana, a cargo de Barbèra Oliver, ás 19:00 horas. Pola súa banda, na Facultade de Ciencias Políticas, ás 17:30 horas, Minako Takashasi ofrecerá a conferencia ‘Lendas xaponesas’.
O mércores o protagonista será o castelán cunha actividade que leva por título ‘La comprensión audiovisual en Español: Todo sobre mi madre’, que contará coa proxección da película do mesmo nome. Serán na Facultade de Filoloxía, ás 16:00 horas.
Rematará a semana con dúas proxeccións en versión orixinal na Facultade de Filosofía. A primeira será da película ‘Maratón de outono’, en ruso, que se verá ás 17:00, e a segunda ‘O meu doce e pequeno pobo’, en checo, ás 19:00 horas.
Ademais, haberá un concurso de preguntas e respostas no que se poderán gañar varios premios. O martes, será sobre países de fala alemá, na Facultade de Filoloxía, e o mércores de inglés, ás 18:00 horas, no Pub Moore’s de Santiago.
Completará o programa a inauguración o próximo xoves 13 da exposición de carteis de cine de Checoslovaquia entre 1960 e 1989, que estará na Facultade de Ciencias da Comunicación e na Biblioteca Concepción Arenal ata o 4 de abril.
Ciclo de cine en LugoO Campus de Lugo celebrará a Semana das Linguas cun ciclo de Cine temático sobre os conflitos sociais e políticos da historia recente en versión orixinal. Será unha proxección por día, ás 19:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Humanidades.
A primeira proxección, en inglés, será do filme ‘Bowling for Columbine’, dirixida por Michael Moore. O martes será a vez da película española ‘Los lunes as sol’, dirixida por Fernando León de Aranoa. O mércores proxectarase a película alemá ‘A vida dos outros’, do director Florian Henckel-Donnersmarck. O francés será o protagonista da película de Mathiu Kassovitz ‘O odio’, que se verá o xoves. O venres pecharase o ciclo coa proxección do filme galego ‘As encrobas: a ceo aberto’, de Xosé Bocixa.