Ir o contido principal

A USC celebra este venres o acto académico de San Tomé de Aquino na Facultade de Ciencias de Lugo

O Catedrático de Física Aplicada da USC Eugenio A. Rodríguez Núñez pronunciará unha lección maxistral co título ‘O “Acordo de París”, un novo impulso á enerxía renovable

A Universidade de Santiago de Compostela celebrará acto académico con motivo da festividade de San Tomé de Aquino, patrón das universidades, este venres, día 29 de xaneiro, ás 12.00 horas, na salón de actos ‘José Rodríguez Mourelo’ da Facultade de Ciencias do campus de Lugo.

O reitor da USC, Juan Manuel Viaño Rey, abrirá esta solemne cerimonia académica, que tradicionalmente se celebra na sede universitaria luguesa, logo de que o grupo vocal Solo Voces interprete o ‘Veni Creator’. O Catedrático de Física Aplicada da USC Eugenio A. Rodríguez Núñez pronunciará de seguido a lección maxistral da festa de San Tomé de Aquino, unha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘ O “Acordo de París”, un novo impulso á enerxía renovable’. O discurso do reitor magnífico da Universidade de Santiago de Compostela e a posterior interpretación do ‘Gaudeamus Igitur’, a cargo do grupo vocal Solo Voces, servirán de colofón dun acto académico que, ano tras ano, congrega no campus de Lugo un nutrido grupo de autoridades académicas e representantes políticos, ademais de destacados persoeiros do eido empresarial, social e cultural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.01.2016.