Ir o contido principal

A USC celebrou o Día Mundial do Turismo cunha xornada en Ciencias Económicas

A USC celebrou o Día Mundial do Turismo cunha xornada en Ciencias Económicas
A USC celebrou o Día Mundial do Turismo cunha xornada en Ciencias Económicas

Conscientes da transcendencia económica e social do turismo en Galicia, o Centro de Estudos e Investigación Turísticas (Cetur) e o Máster Universitario en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas da Universidade de Santiago celebraron este martes o Día Mundial do Turismo cunha xornada de debate na que se analizou o futuro do sector turístico en clave mundial e local. O evento inaugurouse nun acto presidido polo reitor Juan Casares Long e no que participaron tamén a decana da Facultade anfitrioa, Emilia Vázquez; a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo; o director do Cetur, Xosé Santos Solla; a coordinadora do Máster en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas da USC, Concepción Varela Neira; a concelleira de Turismo de Santiago, Reyes Leis; e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostela, José Antonio Liñares. Logo da apertura interveu o director dos Membros Afiliados da Organización Mundial do Turismo, Javier Blanco Herranz, que pronunciou a conferencia ‘Tempos de incerteza e esperanza: Unha mirada optimista sobre o futuro do sector turístico mundial’. Seguiulle o responsable do Instituto de Estudos Turísticos de España, Vicente Monfort Mir, cunha charla sobre a política turísticas ante os retos que se aveciñan.

Por último, interviñeron o director xeral de Recursos Humanos do Grupo ORIZONIA, Álvaro Vázquez, e o director de Comunicación da Asociación Provincial de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostela, Aser Álvarez, que presentou as conclusións do Foro do Turismo ‘ Novos cambios do sector turístico en Galicia’ que este luns se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados para facer balance dos últimos meses no sector turístico en Galicia e debater sobre o seu futuro e no que participaron máximos representantes do sector turístico galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.09.2011.