Ir o contido principal

A USC, no chanzo 366 do mundo polo volume de publicacións científicas asinadas por mulleres

Esta clasificación elaborada polo Centre for Science and Technology Studies (CWTS) da Universidade de Leiden, nos Países Baixos, destaca o volume de publicacións científicas da USC asinadas por mulleres. FOTO: Santi Alvite
Esta clasificación elaborada polo Centre for Science and Technology Studies (CWTS) da Universidade de Leiden, nos Países Baixos, destaca o volume de publicacións científicas da USC asinadas por mulleres. FOTO: Santi Alvite
O Ránking Leiden destaca a Universidade de Santiago de Compostela pola diversidade de xénero das súas autorías e sitúaa no posto número 11 a nivel estatal neste indicador
Lugo, Santiago de Compostela

A última edición do Ránking Leiden pon en valor a Universidade de Santiago de Compostela nos indicadores de ‘Xénero’ (366 do mundo e 11 do Estado), ‘Colaboracións’ e ‘Acceso aberto’ (546 a nivel internacional e 13 de España, en ambos os casos), e ‘Impacto científico’ (565 do mundo e, novamente, 13 de España). Na súa versión tradicional, esta clasificación recolle unicamente resultados de investigación, en concreto publicacións de artigos, a partir de datos bibliométricos de Web of Science recollidos en decembro de 2024 e que fan referencia ao período 2020-2023.

Deste xeito, esta clasificación elaborada polo Centre for Science and Technology Studies (CWTS) da Universidade de Leiden, nos Países Baixos, destaca o volume de publicacións científicas da USC asinadas por mulleres, as sinerxías con autorías doutras institucións á hora de publicar artigos, o volume de traballos difundidos en acceso aberto, así como o influxo das publicacións.

Por áreas de coñecemento, a USC destaca en Ciencias da vida e da terra, onde ocupa o banzo 313 do mundo e 10 de España; en Ciencias Sociais e Humanidades, no posto 427 a nivel internacional e 21 do Estado; en Ciencias biomédicas e da saúde, posto 539 no contexto mundial e 12 de España; Ciencias e enxeñaría, 662 do mundo e    13 de España; e Matemáticas e informática, 695 do mundo e 21 do Estado. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2025.