Ir o contido principal

USC, CIEMAT e Xunta de Galicia impulsarán un centro mixto de investigación a partir do Instituto Galego de Altas Enerxías

A USC, o Centro de Investigaciones Energéticas, Medioambientales y Tecnológicas (CIEMAT) e a Xunta de Galicia comezarán cos trámites previos á creación en Santiago dun centro mixto de investigación, con titularidade compartida, mediante a transformación do Instituto Galego de Altas Enerxías (IGFAE).
Así o decidiron este venres en San Xerome na sinatura do convenio que regula a colaboración a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; o presidente do CIEMAT, como secretario de Estado de Investigación, Carlos Martínez Alonso; e o reitor compostelán, Senén Barro.
A alianza asinada entre as administracións autonómica e estatal e a USC é un bo exemplo, en opinión do secretario de Estado, de como alcanzar un grao destacado de competitividade para a investigación en España. No caso da Física de Altas Enerxías, a colaboración permitirá que os investigadores galegos e españois contribúan de xeito activo nos grandes problemas científicos do mañá. O convenio permitirá ademais, segundo indicou a conselleira, consolidar o traballos dos investigadores galegos, recoñecendo o seu destacado labor neste campo e propiciando unha maior proxección.
O actual Instituto Galego de Altas Enerxías, é “dos de maior impacto e relevancia” subliñou Senén Barro, quen lembrou que “conformarse ou aspirar a manterse non é un bo camiño senón o comezo do declive”, para continuar dicindo que “só se pode conseguir impacto con macroestruturas integradas por distintos axentes, como os que hoxe deixan a súa sinatura neste convenio”.
As partes asinantes pretenden impulsar a investigación de excelencia no campo da Física de Altas Enerxías, en particular en Física Médica e especialmente no desenvolvemento de instrumentación e técnicas de utilidade clínica, tanto de diagnóstico como terapéuticas, así como na súa aplicación ás tecnoloxías de comunicación GRID.
Trátase, ademais, de promover o desenvolvemento tecnolóxico, a transferencia de tecnoloxía e a innovación nos campos de actuación do novo centro, difundindo a investigación realizada nel e establecendo canais estables de colaboración cos sectores empresariais e tecnolóxicos relacionados.
Unha comisión paritaria entre os tres organismos que participarán neste centro deberá elaborar un Plan de Viabilidade e Establecemento que suporá o primeiro paso para comezar coa súa configuración.
AntecedentesCo obxecto de fomentar o desenvolvemento da investigación científica e técnica no campo da Física de Altas Enerxías que levan a cabo os grupos de investigación da USC, a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria creou o Instituto Universitario mixto Galego de Física de Altas Enerxías para a realización de proxectos de investigación básica e aplicada, o desenvolvemento tecnolóxico e o fomento da actividade industrial en tecnoloxías relacionadas coa física de altas enerxías.
Os grupos do IGFAE, que dirixe Luis Miramontes, gozan dunha sólida reputación internacional avalada polo elevado e mantido índice de impacto das súas achegas científicas e o desenvolvemento de diversos proxectos de investigación en colaboración co Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN) así como con outros grandes laboratorios internacionais.
O IGFAE, no que traballa unha trintena de investigadores, participa tamén no proxecto de creación do futuro Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas y Nuclear, financiado polo programa Consolider-Ingenio 2010 do anterior Ministerio de Educación y Ciencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2008.