Ir o contido principal

A USC e o CNRS organizan o congreso internacional de ‘Campaniforme: dende o Atlántico aos Urais’

A USC e o Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS) organizan, a través da invitación expresa da asociación Archéologie et Gobelets, o congreso internacional de ‘ Campaniforme: dende o Atlántico aos Urais’. As sesións académicas celebraranse no Mosteiro de Poio (Pontevedra) desde este xoves 5 e ata o próximo domingo 8. O congreso céntrase nos séculos III e II antes de Cristo en Europa cunha énfase especial na cultura campaniforme, estendida por boa parte de Europa e do norte de África. Nesta edición, o encontro centrará os seus debates arredor da mobilidade de poboación durante a transición entre o Neolítico e a Idade do Bronce, un período marcado por cambios profundos no ámbito económico, social e relixioso. No desenvolvemento do programa, os organizadores do encontro buscaron atopar equilibrio argumental entre os diversos elementos da cultura material que funcionan como indicadores de mobilidade e de circulación. Así o abano de temas abordados atende á produción de silex, arqueometalurxia, traballo de metais preciosos ou ámbar, entre outros. Un dos puntos centrais das intervencións será a innovación metodolóxica na disciplina co uso de arqueometría, cuxo resultado ofrecerá información sobre novos aspectos en materia de cronoloxía, análises recentes dos materiais para descubrir a tecnoloxía, procedencia e circulación de obxectos, estudos de paleoambente ou de paleodieta. A sesión de apertura do congreso celebrarase xa na propia sede do encontro o xoves 5, a partir das 20:30 horas. A programación académica propiamente comezará o venres, día 6.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2011.