A USC colabora activamente na iniciativa da OIT sobre o futuro do traballo con motivo do seu centenario
A Organización Internacional do Traballo (OIT) ten en marcha a Iniciativa sobre o Futuro do Traballo con motivo da conmemoración do seu centenario en 2019, unha efeméride na que a USC participa de maneira moi activa xunto con outras universidades españolas. Proba diso é o desenvolvemento do congreso internacional que estes días ten lugar en Dereito para analizar dende diversos enfoques a influencia da innovación tecnolóxica no futuro do traballo.
Aproveitando a presenza do director da OIT para España, Joaquín Nieto Sáinz, para pronunciar a conferencia inaugural do congreso, este mércores ambas as dúas entidades asinaron un memorando de entendemento. Xunto a Viaño e Nieto asistiron tamén a secretaria xeral da USC, Consuelo Ferreiro, e a profesora da Facultade de Dereito Lourdes Mella Méndez, coordinadora xeral de CIELO laboral (Comunidad para la Investigación y el Estudio Laboral y Ocupacional) e do congreso.
O documento asinado supón o afianzamento da colaboración que xa veñen desenvolvendo á vez que posibilita novas accións de traballo, en particular referidas ao fomento da Axenda 2030 dos Obxectivos de desenvolvemento Sostible e á promoción dos temas relacionados co traballo decente, a globalización e a gobernanza internacional laboral ou a protección social.
Cita internacional Co lema ‘ Innovación tecnolóxica e futuro do traballo: aspectos emerxentes no ámbito mundial’, a cita científica destes días en Dereito céntrase na influencia do actual desenvolvemento dixital e de innovación tecnolóxica na conformación “dunha nova forma de traballar e vivir que se presenta como autenticamente disruptiva e que xa se designa como a ‘Cuarta Revolución Industrial’”, explicou a profesora Mella. Esta nova revolución, apuntou, “vai marcar o futuro do traballo no mundo, tal e como están recoñecendo todos os organismo internacionais, entre eles, a Organización Internacional do Traballo”.
O congreso aborda especificamente a relación da innovación tecnolóxica e o seu impacto no emprego, no contrato de traballo individual e nas relacións colectivas. Neste senso, o encontro incide en temas de máxima actualidade e procurará dar resposta a problemas xurídicos que poden derivar destes profundos cambios tecnolóxicos, sociais e laborais.
O evento científico inaugurárono o reitor Viaño, a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez Barbero; a subdirectora xeral de Relacións Laborais, María Coutinho Villanueva; e a profesora Lourdes Mella.