A USC colabora coa asociación Arela na busca de familias acolledoras para o programa Convive.COMigo

O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC solicita a colaboración de toda a comunidade universitaria para participar no programa Convive.COMigo que organiza a asociación Arela.
Coa iniciativa trátase de dotar de recursos, neste caso familias, ao Xulgado para que este poida recoller nas súas sentenzas a medida de convivencia en grupo educativo, que obriga a un/unha adolescente a vivir noutro contexto familiar diferente ao de orixe, tratando de reconducir a situación que o/a levou a un Xulgado de Menores facilitándolle un entorno de socialización positiva co fin último de evitar unha reincidencia futura.
A duración aproximada dunha medida de convivencia oscila entre 6 meses e un ano, tempo durante o cal o/a adolescente debe convivir con esta nova familia (ou persoa) de tal xeito que se lle ofreza un entorno no que aprender e modificar aquelas condutas que foron motivo de denuncia. No momento de comezo de cumprimento da medida xudicial asínase un contrato e dende a Xunta finánciase coa cantidade de 40 euros por cada día de convivencia.
Convive.COMigo comezou en 2017 na provincia da Coruña como un proxecto piloto e ampliouse este ano á de Pontevedra. As funcións que corresponden a este programa consisten en captar, formar e avaliar as persoas que se interesen en participar, ademais de realizar un acompañamento durante o cumprimento da medida xudicial.
Para explicar todos os pormenores do programa, o martes 10 haberá unha sesión informativa ás 12.00 horas na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega (Casas Reais, 8). Quen desexa asistir pode comunicalo no enderezo convive [at] arela.org (convive[at]arela[dot]org) ou no teléfono 698159895.