A USC colabora coa Consellaría de Innovación no desenvolvemento de aplicacións informáticas libres para as Pemes
A Consellaría de Innovación, a través de Mancomun.org Iniciativa Galega polo Software Libre, colabora coas tres universidades galegas para desenvolver ferramentas informáticas de Software Libre dirixidas á PEME. Segundo o convenio asinado por estas institucións achegaranse máis de 70.000 euros para a realización do proxecto que dotará á PEME galega de ferramentas informáticas gratuítas dun enorme potencial e capacidade de adaptación á súa actividade económica. Mancomun.org, é unha iniciativa da Consellería de Innovación en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia.
O Departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago, en colaboración co de Matemáticas da Universidade da Coruña, centrarase na procura de aplicacións informáticas libres de simulación numérica na industria.
Pola súa banda, a Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense, pertencente á Universidade de Vigo, realizará un estudo sobre as solucións de Software Libre orientadas á xestión da PEME e detectará aquelas máis axeitadas para o tecido industrial galego. Estas solucións implantaranse de xeito experimental en empresas para comprobar o seu rendemento nun entorno real.
Os estudos terán como resultado unha escolma de programas, na súa inmensa maioría de emprego gratuíto, e facilmente adaptables ás necesidades únicas de cada empresa. Isto só é posible dada a total dispoñibilidade do código no que está elaborado e as vantaxes que supón que estes programas estean baseados no código aberto.
Mancomun.org e o Software Libre A Consellaría de Innovación creou o pasado ano Mancomun.org - Iniciativa Galega polo Software Libre, como punto de encontro das diferentes iniciativas sobre Software Libre que se están a desenvolver dende diferentes ámbitos: institucional, empresarial, educativo, voluntariado, etc.
O Software Libre son todas aquelas aplicacións informáticas que poden ser usadas, copiadas, modificadas e redistribuídas libremente. Algunha das súas principais vantaxes son o seu menor prezo, a adaptabilidade, a posibilidade de ser traducido a calquera idioma. Son exemplos de Software Libre os sistemas operativos Linux, OpenOffice.org ou Mozilla Firefox. Máis do 60% das páxinas web que existen actualmente en Internet funcionan baixo esta tecnoloxía.