Ir o contido principal

A USC colabora con IBM na mellora da fiabilidade e o rendemento dos grandes servidores para aplicacións financeiras e comerciais

Os servidores de IBM destinados aos sistemas de procesamento de datos do entorno financeiro poderán levar incorporada no futuro tecnoloxía deseñada na Universidade de Santiago. O investigador da USC Álvaro Vázquez Álvarez traballou, en colaboración con enxeñeiros da multinacional informática, no desenvolvemento de novas unidades hardware especializadas que permitan obter procesadores que satisfagan os requirimentos de rendemento e fiabilidade das aplicacións financeiras e comerciais.
A recente aparición de novas tecnoloxías en Internet aplicadas ao comercio e á banca electrónica multiplicou exponencialmente o número de transaccións electrónicas que se realizan no mundo. Neste senso, as actuais aplicacións demandan unha cada vez maior capacidade de procesamento automático de datos.
Os computadores convencionais empregan procesadores numéricos integrados nun chip para realizar rapidamente complexos cálculos matemáticos. Non obstante, estes procesadores non son adecuados para realizar os cálculos que requiren as aplicacións financeiras e comerciais, polo que son necesarias programas e ferramentas software específicas, “aínda que resultan pouco eficientes”, apunta Álvaro Vázquez.
O traballo de investigación desenvolvido por Álvaro Vázquez quedou recollido na tese ‘High-Performance Decimal Floating Point Units’, cualificada con sobresaliente cum laude e dirixida por Elisardo Antelo Suárez no Departamento de Electrónica e Computación. Con soporte económico de IBM, a tese forma parte das liñas de investigación do grupo de Arquitectura de Computadores da institución compostelá.
O investigador deseñou diferentes unidades hardware decimais de alto rendemento para procesar as operacións aritméticas máis comúns, que inclúen suma/resta, multiplicación (ou suma-multiplicación combinada) e división. Co obxectivo de obter arquitecturas eficientes, competitivas con outras propostas tanto académicas coma industriais, investigou o uso de novos algoritmos, codificacións decimais e métodos que permitisen un maior grao de paralelismo. Coa aplicación destes conceptos abríronse novas vías que sirvan de guía no deseño dos futuros procesadores comerciais.
A tese centrouse tamén na mellora da calidade, particularmente da fiabilidade das computacións, para o que desenvolveu unha técnica de detección e corrección de erros.
Álvaro VázquezO xa doutor Álvaro Vázquez obtivera xa no ano 2001 o primeiro premio no I Concurso de Ideas de Base Tecnolóxica da USC. O seu futuro máis inmediato estará vinculado a un dos grupos máis prestixiosos no campo do deseño de procesadores numéricos en Lyon (Francia), onde seguirá desenvolvendo labores de investigación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.04.2009.