Ir o contido principal

A USC colabora nun proxecto piloto da UE que promove o voluntariado lingüístico

Baixo o nome ‘Volangteer-Learning Regional Lenguages through Volunteers’, a Unión Europea promove un proxecto de aprendizaxe de linguas nacionais a través de voluntarios que executará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e no que colabora a USC.
O vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, acudiu este martes a unha xuntanza de traballo co director xeral de Xuventude, Rubén Cela, e o resto de socios europeos cos que se desenvolverá conxuntamente esta iniciativa. O programa piloto, que se desenvolverá en Galicia ata outubro de 2010, realizarase ao mesmo tempo en Friesland, rexión do Norte de Holanda, onde se fala o frisio. Cando remate disporase da metodoloxía precisa para estender a súa aplicación a outras linguas. A Unión Europea subvenciona a posta en marcha deste proxecto con preto de 400.000 euros.
Segundo explicou Rubén Cela, este proxecto pretende promover a aprendizaxe e o uso das linguas minoritarias dos distintos estados da Unión Europea, co obxectivo de que aquelas persoas que proveñan doutros países poidan coñecela e empregala con normalidade na súa vida diaria. Tal como salientou, con esta iniciativa supérase a clásica visión asistencialista do voluntariado e amósase o compromiso dos galegos e das galegas coa lingua, que funciona así como elemento “de integración e unión entre persoas”.
Para o vicerreitor Lourenzo Fernández, este proxecto piloto suporá a consolidación do programa de acompañamento lingüístico de estudantes na USC, converténdose así nun referente en Europa. Neste punto, salientou o éxito do programa de voluntariado no marco da universidade, que neste segundo ano de funcionamento duplicou xa o número de participantes, pasando de 300 no curso 2007-2008 a 600 no presente, a metade do total de estudantes de intercambio rexistrados. Ademais, pasouse de 30 a 100 persoas voluntarias neste período de tempo.
Voluntariado da linguaPoderán participar neste proxecto piloto mozos e mozas provenientes do estranxeiro e que estean gozando dunha bolsa Erasmus ou Leonardo, aínda que tamén poderán acollerse ás vantaxes desta forma de aprendizaxe tanto os inmigrantes como aquelas persoas non galegas que pasen un período longo de tempo no noso país.
Así, ao longo de 10 meses entre os anos 2009 e 2010, emparellaranse as persoas destinatarias do proxecto con outras tantas maiores de 18 anos, cuxa lingua materna sexa o galego e que voluntariamente ofrezan dúas horas semanais do seu tempo de lecer. Nas sucesivas sesións, as parellas reuniranse para charlar de diversos temas (cultura, deporte, temas sociais...) así como tomar parte de distintas actividades tales como ir ao teatro, a un evento deportivo, unha feira gastronómica. Tratarase, en definitiva, de empregar unha aprendizaxe non formal que fomente o interese pola lingua e a súa aprendizaxe, facilitando deste xeito a integración e o intercambio de experiencias, coñecementos e valores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2008.