Ir o contido principal

A USC colaborará con Down Galicia facilitando a realización de prácticas laborais no seo da universidade a persoas con discapacidade intelectual

A USC colaborará coa Federación Galega de Institucións para a Síndrome de Down (Down Galicia) facilitando a realización de prácticas laborais no seo da universidade a persoas con discapacidade intelectual, especialmente con síndrome de Down. O obxectivo é facilitar e promover a este colectivo a adquisición de experiencia laboral nas tarefas propias dos servizos da USC e desenvolver un programa conxunto encamiñado a fomentar a integración social e laboral destas persoas.
A colaboración formalizouse este xoves en San Xerome, coa sinatura por parte do reitor da USC, Senén Barro, e do presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto González, dun convenio marco de colaboración, acompañados polo vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos. Os principais beneficiarios deste acordo serán as entidades de Down Galicia e os usuarios do proxecto de Emprego con Apoio deste entidade. Esta iniciativa tenta garantir a inclusión deste colectivo no mercado de traballo ordinario garantindo todos os apoios que tanto a persoa como o empregador necesitan.
Ademais, ao abeiro do convenio asinado os beneficiarios do Proxecto de Emprego con Apoio poderán participar nos programas de voluntariado da USC e colaborar en seminarios e xornadas que desenvolva a Universidade.
Para o seguimento do convenio créase unha comisión que integrarán o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos; o coordinador do Servizo de Participación e Integración Universitaria, Javier Agrafojo; o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto; e a xerenta da entidade, María Ferreiro Figueiras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2008.