A USC colaborará coa EGAP na análise das políticas públicas dende o prisma económico e financeiro

A Universidade de Santiago e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) colaborarán no desenvolvemento de actividades de estudo, investigación e difusión en materia de análise económica e financeira das políticas públicas, tal e como acordaron este martes na sinatura do convenio o reitor Antonio López e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.
Resulta de gran interese para ambas as dúas institucións o impulso de todas as actuacións que afonden no coñecemento e análise das políticas públicas dende o prisma económico e financeiro así como avaliar a súa eficacia a eficiencia para atopar vías de optimización e poder deseñar alternativas innovadoras. Deste xeito, a USC elaborará estudos, publicacións e investigación aplicada sobre a evolución do sistema de financiamento autonómico, con especial consideración ao caso de Galicia, e analizará as metodoloxías de deseño das políticas públicas.
Ademais, organizará eventos, reunións e xornadas de carácter técnico e executará as liñas de investigación e avaliación propostas anualmente pola comisión mixta de seguimento, que estará constituída pola titular da Vicerreitoría de Política Científica da USC; o catedrático do Departamento de Economía Aplicada da USC, Santiago Lago Peñas; a persoa titular da dirección da Escola Galega de Administración Pública, na actualidade Sonia Rodríguez-Campos, e unha persoa funcionaria de carreira designada por esta.
A colaboración da USC coa EGAP para este cometido materializarase a través de EconLabGalicia-Public Policies Analysis and Design, unha plataforma de transferencia de coñecemento que nace co obxectivo de avaliar a eficacia e a eficiencia das políticas públicas e deseñar alternativas innovadoras. Cun foco prioritario nas competencias descentralizadas e na realidade galega, procura ofrecer solucións fundamentadas que contribúan ao desenvolvemento sostible e ao benestar da sociedade.