Ir o contido principal

A USC e o Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia fortalecen a súa colaboración

O reitor e a decana do CDLG asinaron o convenio en San Xerome (Foto: SERVIMAV-USC)
O reitor e a decana do CDLG asinaron o convenio en San Xerome (Foto: SERVIMAV-USC)

A Universidade de Santiago e o Ilustre Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia (CDLG) colaborarán en diversas actividades culturais, científicas, pedagóxicas, de investigación e calquera outra que resulte de interese.

As bases desta cooperación asináronas este mércores en San Xerome o reitor Juan Viaño e a decana do Colexio, María del Carmen García Cabezudo. No acto estiveron tamén presentes a vicedecana da Facultade de Xeografía e Historia, Margarita Barral, e os membros do Colexio Ismael Arias e Patricia Cupeiro.

Entre as diversas accións que levarán a cabo figuran a execución de proxectos e programas de I+D, a cooperación en programas de formación de persoal investigador e técnico, a creación dunha bolsa de traballo para licenciados, graduados e doutores ou o establecemento de acordos para regular a realización de prácticas académicas externas.

Segundo dixo o reitor no acto, “esta colaboración vai permitir dar un paso máis na estratexia definida na USC para organizar mellor toda a nosa potencialidade docente e investigadora nas ciencias sociais e das humanidades, e que se reflicte no Campus da Cidadanía”.

O convenio marco, dunha vixencia de dous anos, contempla o establecemento de convenios específicos, cuxo seguimento correrá a cargo dunha comisión mixta composta polo vicerreitor de Comunicación e Coordinación e o profesor Juan Monterroso Montero, por parte da USC, e a decana e Patricia Cupeiro López, en representación do Colexio.

Do CDLG forman parte, fundamentalmente, os licenciados e/ou doutorados en pedagoxía, filoloxías, filosofía, historia e historia da arte e carreiras derivadas destas, con especial peso arqueoloxía; os que posúan un título equivalente aos anteriores na UE; os titulados das actuais facultades e escolas superiores que carezan de colexio profesional para poder exercer en Galicia e quen teña a súa actividade principal no sector da educación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2017.