Ir o contido principal

A USC comezará a elaborar o plano estratéxico 2009-2015 á volta do verán

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago aprobou na súa xuntanza de hoxe o procedemento para elaborar o plano estratéxico 2009-2015 que se prevé debata o Claustro Universitario no primeiro trimestre do vindeiro ano.
Con este plano, que substitúe ao actual nun momento crucial do sistema universitario, revisarase e actualizarase o marco estratéxico da USC para así explicitar as metas e prioridades de actuación nos próximos seis anos. O proceso de elaboración, segundo o acordado polo Consello de Goberno, comezará a finais deste ano co debate dun documento de partida por parte do equipo de goberno.
Na xuntanza de hoxe aprobáronse ademais as titulacións de grao de Historia da Arte e Psicoloxía e tratáronse modificacións puntuais na RPT e na normativa da Casa dos Catedráticos, os complementos retributivos, o modelo de convenio de prácticas para as titulacións de Psicoloxía e o regulamento do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.07.2008.