Ir o contido principal

A USC comprométese coa diversidade funcional poñendo en marcha o Centro de Documentación para a Vida Independente

Contribuír a difundir o cambio de paradigma na forma de abordar o fenómeno social da diversidade funcional foi a principal motivación para que a USC puxese en marcha o Centro de Documentación para a Vida Independente (CEDOVI) que este xoves presentaron en San Xerome o reitor da USC, Senén Barro; a secretaria xeral de Benestar Social, Susana López; o presidente de VIGalicia, José Antonio Novoa Romay; Juan José de Santiago, director territorial de Vodafone en Galicia; e o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Mª Mayán.
O CEDOVI naceu a partir dunha idea da asociacións Vida Independente en Galicia (VIGALICIA) e AMBAR, que contactaron co Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC para desenvolver un dispositivo dentro do espazo universitario que constituíse unha ferramenta de coñecemento comprometida no tratamento do fenómeno social da discapacidade e da vida independente. O portal será de grande utilidade para os preto de 200 universitarios matriculados na USC que teñen algún tipo de discapacidade.
O proxecto, no que tamén colabora a Consellaría de Traballo e Benestar, conta co patrocinio da Fundación Vodafone que ten como fin fundamental a utilización das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación para a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional.
Trátase, en suma, dun espazo dinámico e participativo, que aproveite ao máximo as vantaxes das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e o traballo en rede. Dende os principios da accesibilidade universal e o deseño para todos recóllense distintos recursos da web 2.0, as redes sociais, os blogs, ou as wikis, que fomentan a colaboración e o intercambio áxil e eficaz de información entre os usuarios dunha comunidade ou rede social. Por iso, o proxecto pretende aproveitar ao máximo as súas potencialidades de xeito que o centro creza grazas ás continuas achegas dos que traballan neste ámbito.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2009.