A USC, comprometida cos dereitos das persoas LGTBIQA+
A institución súmase un ano máis ao manifesto da Rede de Universidades pola Diversidade co compromiso da construción dun contorno universitario seguro, inclusivo e orgulloso
A USC súmase un ano máis ao manifesto da Rede de Universidades pola Diversidade (RUD) que reafirma o compromiso das universidades coa "construción dun contorno universitario seguro, inclusivo e orgulloso onde todas as persoas poidan desenvolverse plenamente sen temor a ser obxecto de discriminación ou violencia".
Como recolle o manifesto, "a educación é unha das ferramentas máis poderosas para a transformación social" e neste senso a Universidade "como institución educativa, debe continuar fomentando unha capacidade crítica, reflexiva e analítica que permita a transformación para construír unha sociedade máis habitable para todas as persoas".