A USC concedeulle a título póstumo a súa Insignia de Ouro a Herminio Barreiro

O profesor Herminio Barreiro foi o protagonista este xoves 14 dun acto homenaxe no que o reitor Juan Casares lle concedeu a título póstumo a Insignia de Ouro da USC, o recoñecemento que a institución académica concede a aquelas persoas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á Universidade, ben pola súa duración ou pola súa especial relevancia. Esta homenaxe, celebrada no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, estaba promovida polo Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, ao que pertencía o profesor Barreiro, e contou coa asistencia, entre outros, do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Lois Méndez Ferrín, e do presidente do Consello Social, Manuel Puga Pereira. O profesor Vicente Peña Saavedra abriu a quenda de intervencións lembrando a traxectoria académica do profesor Barreiro a partir do ano 1976. A continuación tomaron a palabra o director do Departamento promotor do acto, Antonio Rodríguez, e o decano de Ciencias da Educación, Lois Ferradás, aos que lle seguiu o presidente da RAG que pronunciou a conferencia Memorias de Mocedade. As intervencións do conselleiro e do presidente do Consello Social precederon á entrega da Insignia de Ouro da USC a título póstumo ao homenaxeado, que recolleron o seu fillo David Barreiro e a súa viúva. Para rematar o acto, Uxía Senlle realizou unha lembranza musical.
Herminio Barreiro (Dorrón-Sanxenxo), un dos integrantes do grupo Brais Pinto de estudantes galegos en Madrid, exerceu dende 1976 como profesor na Universidade de Santiago impartindo clases sobre Historia de Educación. Dirixiu a revista Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación que promoven as tres universidades galegas, aínda que se lle recordará sempre polo seu libro de memorias Recordar doe, publicado por Xerais e cuxa edición está case esgotada.
As autoridades asistentes ao acto xunto cos familiares de Herminio Barreiro no Colexio de Fonseca