USC e Concello de Lugo asinan un convenio de colaboración para o desenvolvemento das actividades do proxecto ‘Muralla Dixital’
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, asinaron o convenio de colaboración entre as dúas institucións para o desenvolvemento do proxecto ‘Muralla Dixital’. Entre as liñas de acción contempladas no proxecto está previsto desenvolver catro obradoiros de formación centrados na potenciación do patrimonio da cidade: dixitalización do patrimonio documental lucense e dixitalización 3D, fotografía dixital e modelado en 3D do patrimonio histórico-arqueolóxico. Cada un dos talleres contará con oito participantes, que recibirán formación durante cinco meses. A acción vai dirixida a mozos e mozas en situación de desemprego que posúan a titulación de Humanidades, Historia, Historia da Arte ou Belas Artes. García Herradón agradeceu a invitación recibida para participar neste proxecto, e destacou “o importante que resulta o feito de que a carreira máis beneficiada sexa a do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural da Facultade de Humanidades, unha das titulacións máis ameazadas no Campus de Lugo”. O vicerreitor de Coordinación insistiu na necesidade de modificar os criterios que garanten a continuidade das titulacións, máis alá do número de alumnos matriculados. Os obradoiros terán un claro compoñente práctico, xa que aínda que existe unha pequena área teórica a parte fundamental xira en torno á aprendizaxe no manexo de diferentes ferramentas tecnolóxicas de rexistro, documentación e difusión do propio patrimonio histórico-arqueolóxico lucense. Proxecto transnacional ‘Muralla dixital’ é un proxecto europeo cofinanciado nun 75% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013. O seu obxectivo principal é a creación dunha rede de cidades amuralladas de Galicia e Norte de Portugal que aposten pola xestión conxunta para a valorización do seu patrimonio histórico-arqueolóxico a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación. O equipo de xestión do proxecto está formado polos seguintes socios: Concello de Lugo (beneficiario principal), USC; Ineo, Asociación Multisectorial de Nuevas Tecnologías de Información y Comunicación; Centro de Computação Gráfica Azurém; e os concellos portugueses de Valença, Monção e Melgaço.