A USC e o Concello de Lugo asinan un convenio para o fomento da investigación no Grao de Nutrición Humana e Dietética
A USC e o Concello de Lugo asinan un convenio de colaboración para a cobertura das necesidades docentes e de investigación científica no Grao de Nutrición Humana e Dietética que se imparte na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo. A través deste convenio, os responsables da Facultade de Ciencias poderán dispoñer de pezas óseas cadavéricas procedentes dos osarios que albergan os restos procedentes das sepulturas da sección de comúns do cemiterio municipal de San Froilán. O obxectivo é dispoñer neste centro formativo dun banco de mostras anatómicas óseas para as prácticas do alumnado, especialmente na materia de Anatomía Humana. Ao acto de sinatura deste convenio, que se celebra o martes 11 ás 12.00 na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, asisten o reitor da USC, Juan Casares, e o delegado da Área de Servizos Sociais e Modernización Administrativa do Concello de Lugo, Francisco José Fraga López.