A USC e o Concello de Lugo desenvolverán un curso sobre plataformas web para organizacións sen ánimo de lucro
O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e a concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, presentaron o curso ‘Plataformas web de software libre para organizacións da sociedade civil’, que se desenvolverá de xoves a sábado nas instalacións do Campus de Lugo e no Pazo de Feiras e Congresos no marco da Ludus Party Net 2007, organizado polas dúas entidades.
Esta é a primeira acción formativa que se organiza de forma conxunta entre as dúas entidades, destinada a organizacións da sociedade civil, tales como asociacións cidadás, organizacións non gobernamentais e outras asociacións sen ánimo de lucro.
O curso consta de nove horas repartidas en tres días. A primeira xornada terá lugar o xoves 29, entre ás 16:30 e as 19:30 horas, na Aula de Informática nº 3 da Facultade de Administración e Dirección de Empresas. A segunda será no mesmo lugar pero en horario de 10:00 a 13:00 horas e a última xornada celebrarase no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo no marco da Ludus Party Net 2007, co mesmo horario de mañá.
O obxectivo do curso é amosar ás organizacións da sociedade civil unha ampla variedade de plataformas web, de código aberto, de utilidade para a presenza na rede e difusión de actividades, a xestión da aprendizaxe e do coñecemento, a creación de secretarías virtuais e a organización de e-comunidades sociais.
Cada sesión constará dunha pequena introdución ás diferentes familias de aplicacións, seguida dun taller de práctica sobre unha delas. Cada asistente terá o seu propio ordenador para traballar e comprobar a funcionalidade das ferramentas escollidas. A primeira das sesións estará destinada á creación de portais web, a segunda a ferramentas de aprendizaxe en liña e a terceira a plataformas multi-blog e redes sociais. Cada sesión terá unha duración de tres horas, sumando un total de nove, que serán impartidas polo profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, Luís Gago González.
Como indicou a concelleira, este curso organízase “para eliminar a fenda dixital galega no ámbito de utilización das TICs tanto na sociedade como no tecido económico” e o mecanismo escollido foi a Aula TIC-Pemes da USC, que desenvolve dende hai ano e medio un traballo intenso para paliar este déficit.
O vicerreitor explicou que neste tempo de funcionamento da Aula, a colaboración co Concello foi moi positiva. Fixo referencia aos cursos do Fondo Social Europeo, que ocuparon 1.200 horas no último trimestre de 2006 e 700 no que vai de ano. De feito, o curso que comeza o xoves é un proxecto pioneiro dentro do Estado.
Carlos Herrero destacou que a Aula TIC-Pemes “naceu co obxectivo de deseñar e por en marcha iniciativas de formación e asesoramento e traballar na formación continua orientadas ás pequenas e medianas empresas, con e sen ánimo de lucro”.
O prazo de inscrición para o curso estará aberto ata o propio xoves cun límite de prazas de 15. Aínda así, se a demanda é maior convocarase unha nova edición do curso proximamente.