A USC concorre aos premios nacionais de edición universitaria con seis títulos e a colección ‘Clásicos do Pensamento Universal’
Un total de 104 libros de trinta editoriais optan este ano aos premios de edición universitaria que convoca a Unión de Editoriais Universitarias Españolas en dez modalidades distintas. A Universidade de Santiago concorre ao certame con seis títulos e unha colección, destacando así entre o global das editoriais universitarias españolas. En concreto, para o premio á mellor obra editada a USC opta con Láminas de Compostela ena categoría á mellor monografía nas áreas de ciencias humanas e sociais con tres obras: Humanismo, gramática y poesía. Juan de Mena y los auctores en el canon de Nebrija, D’abord les enfants. Freinet y la educación en España (1926-1975) e Todo Valle-Inclán en Roma (1933-1936). Edición, anotación, índices y facsímiles. Na área de Ciencias da Saúde concorre con Fundamentos de economía y gestión de la salud e Alimentación en las aminoacidopatías. Aspectos nutricionales y dietéticos. Por último, na categoría das coleccións a USC presenta Clásicos do Pensamento Universal, da que recentemente se presentaron os seus últimos tres volumes. Os Premios A Unión de Editoriais Universitarias Españolas busca con estes premios facer visible a diversidade e actualidade da edición universitaria española, que supón o 7 por 100 dos libros que se editan en España. Ademais das catro á que concorren obras editadas polo Servizo de Publicacións da USC, existen outras seis modalidades que premian as mellores monografías nas áreas de Ciencias Experimentais e de Tecnoloxías e de Ciencias Xurídicas e Económicas, para a edición dixital e multimedia, á mellor coedición cunha editorial privada e a mellor interuniversitaria, e o recoñecemento a unha tradución.