Ir o contido principal

USC e Confederación Hidrográfica Miño Sil optimizarán o aproveitamento sostible do regadío no Val de Lemos

José Antonio Quiroga e Antonio López, trala sinatura do convenio entre CHMS e USC
José Antonio Quiroga e Antonio López, trala sinatura do convenio entre CHMS e USC
O reitor Antonio López e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, asinan en Lugo un convenio para a optimización integral do aproveitamento sostible do regadío no Val do Lemos. A execución dos traballos, cuxa inversión supera os 290.000 euros, rematará previsiblemente a finais de 2023
Lugo

A USC e a Confederación Hidrográfica Miño Sil desenvolverán un plan integral para o aproveitamento agronómico sostible do regadío no Val do Lemos (Lugo), segundo se recolle no convenio asinado este martes na sede luguesa do organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico o reitor Antonio López  e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño  Sil, José Antonio Quiroga.

O acordo asinado entre as dúas institucións conta cunha inversión estimada superior aos 290.000 euros e ten por obxecto determinar as condicións que rexerán os traballos e o seu financiamento. O prazo de execución das tarefas programadas é de 18 meses, agás que as partes acorden de forman unánime a súa prórroga ata un período adicional máximo de catro anos.

Os traballos contemplados neste plan, cuxa área de actuación abrangue unha superficie de máis de 4.000 hectáreas, permitirán ofrecer un diagnóstico integral da zona de regadío do Val de lemos, ao tempo que achegarán propostas de accións para que o seu desenvolvemento futuro garanta a sustentabilidade da agricultura e permita avanzar na loita contra o cambio climático.

A avaliación e o labor de diagnóstico previo ás actuacións previstas neste proxecto, cuxa execución recae no grupo de investigación GI-1716 PROePLA da USC, que coordina o catedrático na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra Manuel Marey, acometerase desde as perspectivas legal, económica, social, produtiva e estrutural da zona, a fin de analizar así con maior precisión as principais problemáticas actuais e os retos de futuro.

Alén deste traballo de diagnóstico, o plan integral para o aproveitamento sostible do regadío no Val de Lemos planificará as actuacións a realizar, así como a súa implementación práctica, ao tempo que debe determinar o coste asociado de cada acción e as entidades que deban participar na achega das solución propostas. Todas as acción desenvolveranse baixo un enfoque acorde á normativa e restricións ambientais e sociais, territoriais e produtivas futuras.

Participación dos comuneiros

O convenio outorga un valor esencial á participación dos regantes, tanto para a obtención da información como para a proposta de solucións, que se articulará mediante un activo proceso de participación pública organizado, regulado e coa máxima transparencia ao longo de todo o proceso.

As actuacións proxectadas están estruturadas en 10 fases e comezarán coa recompilación e a análise da documentación existente e outras tarefas previas, para continuar logo con traballos de campo, elaboración de planos e fichas, caracterización e elaboración do SIG, das Bases de Datos Espaciais e do diagnóstico social da comunidade de regantes. A proposta da folla de ruta para a desafectación de parcelas de rega, a presentación de modelos de cultivo, deseño e posta en marcha do plan de difusión con inversores dará continuidade ás acción previstas, entre as que, como última fase, figura a elaboración da documentación e das fichas do proxecto.

“Trátase de activar unha folla de ruta que desbloquee e achegue solucións aos principais problemas da actividade agraria e ao aproveitamento sustentable da auga por parte da comunidade de regantes do Val de Lemos”, explicou Quiroga, quen tamén salientou que os “resultados deste estudo permitirán captar recursos das partidas dos fondos Next Generation da UE ligadas ao desenvolvemento sustentable e ao Pacto Verde”. O presidente da CHMS apuntou asemade que esta actuación servirá de xerme de novas actividades económicas que axudarán a xerar valor, estabilizar e fixar poboación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2022.