A USC conmemora o 50 aniversario da Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia

O 2 de decembro de 2013 cúmprense 50 anos da Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia, un fito singular no devir histórico do dereito privado galego. A publicación desta Compilación supuxo a consolidación lexislativa dun Dereito que ata entón só se puido manifestar a través do costume. A súa existencia no momento de entrada en vigor da Constitución de 1978 significou que Galicia quedaba enmarcada entre as comunidades autónomas ás que a lei fundamental outorgaba competencias lexislativas en materia de conservación, modificación e desenvolvemento do seu Dereito propio. O reitor Juan Casares e a catedrática de Dereito Civil María Paz García Rubio presentaron este mércores 10 o programa de actividades organizado co gallo da conmemoración dos 50 anos da Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia. Na presentación estiveron acompañados polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón. A presentación serviu para poñer de relevo o valor da Compilación galega, cuxa importancia “nunca suficiente resaltada e valorada no noso contorno, ben merece unha gran celebración institucional coma xa tiveron outras como a catalá”, explicou a profesora García Rubio. O programa de actividades deseñado pola USC a través da Biblioteca Concepción Arenal e do grupo de investigación de Conflictu Legum terá como acto central unha exposición bibliográfica itinerante no último trimestre do ano para amosar todos os textos xurídicos e etnográficos máis importantes relacionados coa Compilación e coa estrutura social da época que pretendía regular, así como outro tipo de documentos fotográficos e similares. Xunto esta iniciativa están previstos unha presentación oficial no Consello da Cultura Galega este mesmo venres, un curso de verán en Lugo e unhas xornadas con xuíces e maxistrados de toda Galicia para reflexionar sobre a aplicación do dereito civil galego e a súa incidencia práctica. A Compilación galega foi a cuarta de todo o estado tras as de Álava e Biscaia (1959), Cataluña (1960) e Baleares (1961), e ás que se sumaron as de Aragón (1967) e o chamado Foro Novo de Navarra (1973). Estas compilacións naceron como resultado das conclusións do Congreso Nacional de Dereito Civil celebrado en 1946 que formulaban a necesidade de compilar as institucións civís e forais dos territorios que dende 1880 foran recoñecidos como tales, entre os que atopaba Galicia. Como explicou a profesora García Rubio, a Compilación de 1963 permitiu que Galicia hoxe conte con capacidade lexislativa en materia de Dereito Civil de entidade suficiente como para facer fronte dende o seu propio Dereito á realidade diarias dos seus cidadáns en materia de tanta transcendencia como a familia, as sucesións, os dereitos reais ou a persoa.