Ir o contido principal

A USC conmemora o Día Internacional da Física Médica

De esquerda a dereita, Daniel Alejandro Maza, Antonio López, Julio García Comesaña, Faustino Gómez Rodríguez, Elena López Lago e Vicente Pérez Muñuzuri. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Daniel Alejandro Maza, Antonio López Díaz, Julio García Comesaña, Faustino Gómez Rodríguez, Elena López Lago e Vicente Pérez Muñuzuri. FOTO: Santi Alvite
Os relatorios do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e do director técnico e xefe do servizo de Física Médica do Centro de Protonterapia Quirónsalud de Madrid, Daniel Alejandro Maza, serviron para profundar na alta precisión da protonterapia á hora de acometer a loita contra o cancro
Santiago de Compostela

A Facultade de Física da USC conmemorou o Día Internacional da Física Médica este luns, 7 de novembro, nun acto institucional presidido polo reitor Antonio López e que contou cos relatorios de Daniel Alejandro Maza, director técnico e xefe do servizo de Física Médica do Centro de Protonterapia Quirónsalud de Madrid; e do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña. No acto tamén estivo presente a decana da Facultade de Física, centro que acolleu a sesión, Elena López Lago; e o vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri.  

Daniel Alejandro Maza profundou no presente e no futuro da terapia de protóns, mentres que García Comesaña centrou a súa intervención no inminente Centro de Protonterapia de Galicia. Logo das conferencias, o profesor Faustino Gómez Rodríguez, director do Laboratorio de Radiofísica da USC, foi o encargado de moderar o debate sobre esta materia.

García Comesaña presentou o futuro Centro de Protonterapia que situará a Galicia na vangarda en novos tratamentos contra o cancro e que aspira a ser o primeiro do sistema sanitario público español. A protonterapia é unha modalidade especial de radioterapia que utiliza un feixe de protóns que permiten maior precisión ao impartir a dose de radiación, diminuíndo os efectos adversos en tecidos e órganos sans que rodean o tumor. O reitor Antonio López subliñou a importancia de que a sesión servise para “coñecer proxectos que serán realidade de forma inminente”. Trátase dunha “aposta pola investigación física e sanitaria que ten que ser boa para toda a cidadanía”, dixo.

Tumores de difícil acceso

A protonterapia demostrou unha alta eficacia e maior seguridade que a radioterapia convencional con fotóns ou electróns. É unha técnica que permite un tratamento moi eficaz de tumores de difícil acceso ou situados en lugares sensibles, cunha altísima precisión que acurta, de maneira moi significativa os tratamentos, e evita, en boa medida, os efectos secundarios doutras técnicas. A protonterapia reduce de forma significativa tratamentos innecesarios en tecidos sans, sendo unha forma eficaz para tumores nos que a radioterapia non resulta efectiva e a cirurxía non é unha opción.

A diferenza da radiación de fotóns tradicional, que usa raios X para atacar o tumor, pero que aplica radiación en tecido san, a terapia de protóns é un tratamento que dirixe protóns cargados positivamente ao tumor, onde depositan a maior parte da dose de radiación. Con esta terapia, a radiación residual é mínima, o que reduce potencialmente os efectos secundarios e o dano ao tecido circundante.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2022.