Ir o contido principal

A USC conmemora o Día Internacional das Mulleres cunha programación repleta de actos

A USC conmemora o Día Internacional das Mulleres cunha programación repleta de actos
A USC conmemora o Día Internacional das Mulleres cunha programación repleta de actos
O acto central será o 7 de marzo, cun recoñecemento ao Instituto de Ciencias da Educación pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero

A Universidade de Santiago organiza unha completa programación de actividades conmemorativas do Día Internacional das Mulleres, que dan comezo este mesmo mércores, ás 20:00 horas na Aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia, co relatorio ‘A muller no relato histórico’ a cargo de Diana Pelaz e Ana Suárez.

O programa, que se desenvolverá durante todo o mes, coordínao a Oficina de Igualdade de Xénero, que irá incorporando á súa axenda na web todas as iniciativas desenvolvidas nos distintos centros da Universidade.

Acto central, o 7 de marzo Se ben as actividades dan comezo hoxe mesmo, o acto central terá lugar o 7 de marzo ás 11.00 horas no Salón Nobre de Fonseca, no que se fará un recoñecemento ao Instituto de Ciencias da Educación pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero.

Esa mesma xornada, ás 17:00 horas na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo terá lugar o relatorio ‘Mulleres pioneiras na ciencia e na tecnoloxía: Ribadense destacada: 1ª licenciada en Farmacia de Galicia (1900) a cargo de Mª Isabel Fernández García, catedrática de Química Inorgánica e autora do libro Manuela Barreiro Pico. Ribadense destacada: 1ª licenciada en Farmacia de Galicia (1900).

Xa ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade, en Santiago, o Trío Adartia ofrecerá o concerto ‘Mulleres compositoras’.

Este xoves, premios e poesía En varios centros da USC a programación dará comezo este xoves, 1 de marzo. Así, ás 12:00 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo terá lugar o acto de entrega de premios do II Concurso de Traballos Fin de Grao sobre Enxeñaría e Muller Rural. Nese mesmo centro, ata o 31 de marzo estará exposta a mostra de poesías Voces de muller , con 18 textos colocados na entrada das aulas.

As actividades desta Escola continuarán o 6 de marzo co encontro de Lúa Chea ‘ Micromachismos: de "micro" nada organizada por Proxéctate en Galego. Será ás 19:30 horas na cafetaría.

Cinema e muller Tamén este xoves 1, pero xa en Santiago e enmarcado no ciclo de cine A outra mirada. Cinema e muller , inaugurarase ás 11.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación a exposición fotográfica ‘A vosa mirada’.

O ciclo de cine comezará o día 7 ás 11.00 horas co seminario Paisaxe e pintura no audiovisual galego contemporáneo’ a cargo de Sara Donoso e Xisela Franco. Xa pola tarde, ás 17.30 horas, proxectarase a película ‘El paisaje está vacío’, de Carla Andrade, e ‘Hyohakusha’, de Xisela Franco.

O 14 de marzo Araceli Gonda impartirá o seminario ‘Escribir imaxes’, e xa pola tarde visionarase a película ‘A cicatriz branca’, de Margarita Ledo. O ciclo remata o 21 de marzo coa mesa redonda ‘A muller no cine na actualidade. Cambio positivos e significativos’ e a proxección de curtametraxes de Iria Silvosa, Noemí Parga, Marta Valverde, Jaione Camborda, Anxos Fazáns e máis.

Facultade de Historia Ao relatorio deste mércores na Facultade de Historia seguiranlle tres máis, os días 5, 6 e 7, titulados Xénero, mulleres e arqueoloxía’, ‘Perspectiva feminina do urbanismo’ e ‘Mulleres e xénero en América Latina’ a cargo de Celtia Rodríguez, Teresa Carballeira e Pilar Cagiao.

Xornadas feministas A Residencia Universitaria Monte da Condesa súmase tamén a esta conmemoración cunhas Xornadas feministas que darán comezo este xoves 1 ás 21:00 horas na Sala Piano co recital musical ‘Muller e poesía’. . . . . . . . . . a cargo de Bea López Jerez, poetisa e blogger de Serendiverso.

As xornadas inclúen ao longo de todo o mes relatorios sobre mulleres artistas, os xenitais femininos como fonte de violencia, violencia de xénero ou sexualidade, impartidos por expertas nos temas a tratar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.02.2018.