A USC conmemora en Matemáticas 35 anos de colaboración continuada coa Axencia Estatal de Meteoroloxía
Dende 1982 a USC mantén unha colaboración ininterrompida de rexistro de datos co Instituto Nacional de Meteoroloxía, xerme da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). Dende entón ata a actualidade realizáronse durante estes 35 anos dúas observacións diarias con absoluta continuidade facendo uso da estación manual da USC.
Co obxecto de conmemorar este aniversario, o Instituto de Matemáticas organiza este xoves 2 de marzo un acto académico que presidirá o reitor Juan Viaño a partir das 11.00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. Para introducir a sesión o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, presentará algúns dos datos destacados respecto da colección de rexistros meteorolóxicos obtidos nestas últimas tres décadas e media nas instalacións universitarias. Ademais, en nome da AEMET José Antonio García-Moya pronunciará a conferencia ‘Os modelos numéricos de predición do tempo. Pasado, presente e futuro’.
Longa tradición
A USC posúe unha longa tradición na obtención de datos meteorolóxicos, o que a converta na institución galega que dispón da serie de rexistros máis longa. Xa en 1849, o entón decano de Filosofía, Antonio Casares, promovera a creación dun Observatorio Meteorolóxico que se instalou na terraza do edificio da Universidade, na actual Facultade de Xeografía e Historia. Así, a USC adiantábase á Real Orde de 1854 que instaba ás universidades e institutos a iniciar medicións meteorolóxicas, fundamentalmente de temperatura, choiva e presión atmosférica. Xa no século XX, as observacións continuaron a facerse diariamente, salvo curtas interrupcións.
En 1945, o profesor Ramón María Aller incorpora ao Observatorio Astronómico da Universidade unha garita meteorolóxica coa que, dous anos despois, se iniciaron as medidas meteorolóxicas deste Observatorio de forma case continuada ata setembro de 1981. Ese mesmo ano, incorpórase á universidade compostelá o profesor José Ángel Docobo que recibe o encargo do reitor Suárez Núñez de recuperar globalmente o Observatorio Astronómico.
As observacións meteorolóxicas reiniciáronse o 1 de xaneiro de 1982, inicialmente só para uso do Observatorio Astronómico e tamén para os distintos usuarios da Universidade. Deseguido, o Centro Meteorolóxico Territorial de Galicia con sede na Coruña interesouse polos rexistros da USC, únicos naquel momento da cidade de Santiago de Compostela, iniciando así unha relación que alcanza agora o seus primeiros 35 anos de vida.