A USC e a Consellaría de Educación asinan tres convenio sobre atención á diversidade, o practicum do máster de Profesorado e melloras enerxéticas no Campus de Lugo

O reitor Juan Casares e o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, asinaron este mércores tres convenios en materia de atención á diversidade, mellorar enerxéticas en edificios do Campus de Lugo e para a realización do practicum do Máster Universitario de Profesorado o vindeiro curso académico. No acto tamén estivo presente o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro. Atención á diversidade O desenvolvemento de accións para a atención á diversidade é o obxectivo dun dos textos asinados. Trátase dun protocolo de colaboración que pretende sumar esforzos para realizar actuacións que incidan na igualdade de oportunidades entre os integrantes da comunidade universitaria. Deste xeito a Consellaría apoiará todas aquelas accións que permitan o cumprimento das medidas en apoio á diversidade que incidan na posta en valor dos dereitos dos membros da comunidade universitaria. Neste eido, a USC realiza programas específicos que inciden na atención individualizada a persoas con especiais características e necesidades de apoio e asistencia na progresiva eliminación de barreiras arquitectónicas e de comunicación nos seus centros e instalacións. A USC será a responsable de asesorar e formar aos membros da comunidade universidade en todo o relativo a temas sobre a diversidade e a integración, establecendo redes de colaboración entre a universidades, coa Administración e organismos públicos e privados co obxectivo de favorecer a diversidade no ámbito universitario. Practicum A realización do Practicum do Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas pola USC foi outro dos temas sobre os que a USC e a Consellaría asinaron un convenio. Deste xeito, para o curso 2011-12 serán 240 prazas repartidas en 6 especialidades as ofertadas pola universidade para o practicum deste pograo. A Consellaría de Educación comprométese a poñer ao dispor da Universidade compostelá os centros educativos públicos ou concertados suficientes para que os alumnos podan realizar o período de prácticas. Con este fin a administración autonómica publicará nos vindeiros días unha orde na que se regulará o procedemento para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o desenvolvemento do Practicum. Aforro de 250.000 euros Finalmente, a substitución das caldeiras de calefacción de gasóleo nas Facultades de Veterinaria e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo foi obxecto dun terceiro convenio. Esta medida suporá a instalación dunhas novas caldeiras de condensación a gas, máis eficientes.
O orzamento estimado para esta modificación é de douscentos cincuenta mil euros, que achegará a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria. Esta cantidade inclúe a instalación de gas, a adaptación das salas de caldeiras, a substitución destas e a instalación de sistemas de detección de gas. O aforro anual estimado é de máis de 40.000 euros ao ano, polo que o investimento amortizaríase en pouco máis de seis anos.