Ir o contido principal

A USC e a Consellaría de Traballo potencian o emprendemento universitario

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, e o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, asinaron este luns dous convenios de colaboración de fomento do emprendemento universitario, para o que a Consellaría achegará preto de 150.000 euros.
A través do primeiro destes acordos apoiarase a posta en marcha do programa Woman Emprende, cuxa finalidade é potenciar a actividade de grupos universitarios de investigación liderados por mulleres e que posibiliten a creación de empresas de base tecnolóxica. A segunda colaboración servirá para dar sustento á iniciativa Social Emprende, que ten como obxectivo potenciar a actividade dos grupos de investigación da área de Humanidades da universidade galega, que posibiliten a xeración de proxectos empresariais innovadores e a súa viabilidade.
O apoio ao emprendemento universitario cobra un “protagonismo singular” no impulso do emprendemento cualificado, manifestou o conselleiro. A Universidade, proseguiu, é un dos primeiros viveiros nos que se debe incidir por dous motivos, en primeiro lugar, “porque a formación regrada específica de calquera disciplina que se adquire nesta institución académica é ampla e de calidade” e, en segundo, porque a xuventude dos seus integrantes “sempre é un elemento valioso para calquera emprendedor”.
Para a Consellería de Traballo é un reto que a opción do emprendemento se contemple polos estudantes dende o comezo da súa vida activa. Para conseguilo, continuou, hai que proporcionarlles as oportunidades, as capacidades, as competencias e os coñecementos axeitados a través dunha formación cualificada con servizos de apoio de gran calidade.
Desde este punto de vista, unha das estratexias máis efectivas para lograr resultados significativos nos ámbitos da creación de emprego e mellora da competitividade é a e promover o espírito emprendedor entre investigadores, titulados e alumnos. En todo caso, este emprendemento non debe limitarse ao tecnolóxico e científico, senón tamén ao social ou humanístico.
Pola súa banda, o reitor da USC, Senén Barro, asegurou que estas iniciativas inciden unha das grandes preocupacións da institución académica: que o emprendemento se faga de maneira responsable. Así explicou, non abonda só con que se cree riqueza e emprego, senón que ese emprego ten que ser altamente cualificado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2008.