Ir o contido principal

A USC e o Consello Galego de Relacións Laborais promoven o curso ‘Saúde laboral e condicións de traballo’

De esquerda a dereita, Cristina Fabeiro, Antonio López, Antía Sández, Silvia Moscoso e María José López Couso. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Cristina Fabeiro, Antonio López, Antía Sández, Silvia Moscoso e María José López Couso. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López e a presidenta do Consello Antía Sández asinaron este mércores un convenio que regula o desenvolvemento deste curso que pretende analizar a profundar no concepto de saúde laboral
Santiago de Compostela

USC e Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) desenvolverán conxuntamente o curso ‘Saúde laboral e condicións de traballo’ entre setembro e novembro de 2023. Esta acción formativa procura analizar e profundar no concepto de saúde laboral como un obxectivo transversal nas relacións laborais, así como a análise dos aspectos da organización do traballo e as condicións laborais que pode afectar directamente á saúde laboral, tanto dende o punto de vista psicolóxico como técnico e legal. A colaboración quedou formalizada nun convenio asinado este mércores 26 no Colexio de San Xerome entre o reitor Antonio López e a presidenta do Consello, Antía Sández Callejo. Ao acto asistiron tamén a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e a decana da Facultade de Relacións Laborais, Silvia Moscoso Ruibal, ademais da secretaria do CGRL, Cristina Fabeiro Varela.

O curso está dirixido a estudantado e persoas tituladas en Dereito, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Ciencias do Traballo, Ciencias Económicas e Empresariais e Administración e Dirección de Empresas. Tamén se dirixe a persoal responsable das áreas de recursos humanos, de prevención de riscos laborais, responsables de relacións laborais, persoal asesor e cadros das organizacións sindicais e empresariais. A directora do curso será a decana Silvia Moscoso Ruibal, mentres que a profesora Alejandra Martínez González se encargará da súa coordinación. En total, ofertaranse  un máximo de 40 prazas, das que vinte serán propostas polo CGRL. 

“Unha parte importante das relacións laborais e dos recursos humanos teñen que ver coas condicións do traballo e coa saúde laboral”, afirmou a decana. “A saúde laboral inflúe no benestar dos e das traballadoras, no seu rendemento, desempeño e, polo tanto, á hora de conseguir os obxectivos trazados pola organización”, explicou a profesora Moscoso á hora de subliñar a importancia desta acción formativa que abranguerá un total de 45 horas. 

O programa docente inclúe oito bloques temáticos nos que se profundará en aspectos relacionados coa saúde laboral, benestar e condicións de traballo; riscos psicosociais: estrés laboral, ‘burnout’ e ‘tecnoestrés’; teletraballo; flexibilidade e conciliación; regulación xurídica dos riscos psicosociais; absentismo laboral; prevención e avaliación da saúde laboral nas organizacións; ou valoración da incapacidade laboral temporal e permanente.
 

O reitor e a presidenta do Consello no acto que se desenvolveu no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
O reitor e a presidenta do Consello no acto que se desenvolveu no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.07.2023.