A USC e o Consorcio asinan o luns o convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa ConCiencia en 2008
O reitor da USC, Senén Barro, e o alcalde e presidente do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, asinarán este luns, día 28, o convenio de colaboración para o desenvolvemento en 2008 do Programa ConCiencia e a consolidación do Premio Fonseca de divulgación científica. No acto, que terá lugar ás 12:30 horas na sede do Consorcio, participarán así mesmo o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Vilanueva, e o profesor da USC e coordinador de ConCiencia, Jorge Mira.
Difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que intercambiar coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresalientes do ámbito internacional é o obxectivo do Programa ConCiencia que dende 2006 trouxo á cidade a científicos de primeira liña, a maioría deles Premios Nobel nas súas respectivas disciplinas.
Visita de HawkingO premio Fonseca, na súa primeira edición, recaeu no científico británico Stephen Hawking, que xa confirmou a súa presenza á cerimonia de entrega do galardón a finais de setembro. O programa de actividades desta visita explicaranse neste mesmo acto.