Ir o contido principal

USC e Consorcio de Santiago abordan na súa última co edición o universo gráfico compostelá entre 1450 e 1550

De esquerda a dereita, Juan Blanco, Adrián Ares Legaspi, Belén Hernández, Gumersindo Feijoo e Juan Conde
De esquerda a dereita, Juan Blanco, Adrián Ares Legaspi, Belén Hernández, Gumersindo Feijoo e Juan Conde
Ambas institucións acaban de presentar o libro Escribir en Santiago: el universo gráfico compostelano entre 1450 y 1550
Santiago de Compostela

A USC e o Consorcio de Santiago acaban de presentar unha nova obra do seu programa de co edicións, nesta ocasión Escribir en Santiago: el universo gráfico compostelano entre 1450 y 1550, unha documentada monografía que, transcendendo a análise puramente paleográfica, de enorme valor histórico, permite descubrir moitos trazos do transcorrer cotián da vida da sociedade compostelá da época. Partindo dun exhaustivo e erudito labor de esculca arquivística, o autor, Adrián Ares Legaspi, egresado da USC, aborda o desenvolvemento que, co Humanismo e o Renacemento, coñeceu a escritura, presente en todas as relacións sociais, administrativas e económicas da época.

En palabras do autor a capital deste “imperio das letras” no noroeste peninsular foi, sen dúbida, Santiago, unha cidade nesta época con institucións puxantes —a Igrexa, o Real Hospital e a Universidade— que utilizaba abondosamente a escritura e todas elas cunhas características únicas que estimulan e enriquecen a investigación paleográfica.

Con este título, USC e Consorcio suman unha trintena de títulos editados conxuntamente. Na presentación interviñeron ademais do autor, o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo, e a xerenta do Consorcio, Belén Hernández, ademais dos directores de Publicacións da USC, Juan Blanco, e do Consorcio, Juan Conde.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2023.