Ir o contido principal

A USC constitúe un grupo de traballo que abre un espazo de reflexión sobre a situación da oferta de titulacións do Campus de Lugo

Vista aérea do Campus de Lugo
Vista aérea do Campus de Lugo
O grupo centrarase nun primeiro momento na análise das titulacións da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Ciencias afectadas polo decreto autonómico 222/2011
Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela vén de constituír un grupo de traballo co obxectivo de abrir un espazo de reflexión sobre o mapa de titulacións no Campus de Lugo que teña en conta as potencialidades do campus lucense para o impulso das titulacións existentes, así como para considerar a implementación de novos títulos de grao e máster que reforcen a capacidade de atracción de estudantado contribuíndo á dinámica de incremento de alumnado no campus, á alza dende o ano 2018.

Esta proposta de actuación da institución xorde como resposta a unha situación de incerteza sufrida na última década, logo da entrada en vigor do decreto autonómico 222/2011 que regula as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Este contexto normativo, afectado de xeito directo polas previsións contidas no Plan de Financiamento, impón condicionantes específicos para as titulacións dos campus periféricos, obrigando a unha reformulación individual da oferta e impedindo, en moitas ocasións, unha reflexión sosegada.

Grupo de traballo e obxectivos

María José López Couso (Vicerreitora de Titulacións e Internacionalización) coordinará un grupo do que forman parte representantes do equipo de goberno da institución, como Javier Ferreira, Xerente, Francisco Fraga, Vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Ernesto González, Vicerreitor de Profesorado, e Elvira López, en calidade de Delegada do Reitor para o Campus Terra.

Por parte da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría asistiron á conformación do grupo Rosa Romero, Directora, Carlos Núñez, Subdirector, profesorado das diferentes titulacións como Tomás Cuesta, Ulises Diéguez e Iria Martínez, que participou en representación do estudantado do centro.

Finalmente, por parte da Facultade de Ciencias asistiron á constitución do grupo de traballo Asteria Luzardo, decana, Enrique Cabaleiro, vicedecano, María José Vázquez, profesora, e Carmen Peñalver, respresentante do estudantado.

O principal obxectivo do grupo é a elaboración dun documento base que defina e caracterice a reflexión ao redor da oferta de títulos, con especial énfase naqueles que están sendo afectados neste momento polas restricións que establece o decreto autonómico 222/2011 en relación ao número mínimo de alumnado para a supervivencia dos títulos.

O compromiso da Universidade é dar traslado deste documento de reflexión, así como das conclusións do grupo de traballo á Xunta de Galicia no mes de febreiro.

Os eixes de acción

O grupo que vén de ser constituído parte dunha premisa esencial, que é a resolución da petición de singularidade, feita por primeira vez en 2022 e reiterada en 2023 pola Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, para os Graos en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, en Enxeñaría Civil e en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais. Este recoñecemento da singularidade debe ir da man, e ser consecuencia, das diferentes mencións en relación á calidade da docencia impartida.

No seo do grupo tamén se reflexionará sobre a necesidade de reformulación do decreto 222/2011 que regula as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e que determina o número mínimo de estudantes para a viabilidade dun título, sen ter en conta singularidades propias do campus no que se imparte, por exemplo, ou como se computa o número de alumnado matriculado e que ten incidencia directa na supervivencia dunha titulación.

Non debemos esquecer que tanto a docencia como a investigación e a transferencia que se realizan no Campus de Lugo teñen como marco o proxecto de especialización Campus Terra, que nace como resultado do acordo entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral de Universidades, dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, coa intención de transformar o Campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade e equilibrio económico, social e medioambiental do uso da TERRA, que conta cunha aposta decidida en termos de financiamento, cunha achega de 4 millóns de euros por parte da Administración autonómica.

Ademais, neste contexto a Universidade está a traballar na reformulación das estruturas de investigación promovidas dende o Campus Terra, coa redefinición do IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural de Lugo) e a creación dunha nova proposta no eido da saúde única.

Autonomía, esencia de campus e presencialidade

O grupo de traballo definiu as bases sobre as que se asentará o seu traballo coa consideración esencial de que a Universidade é a única responsable de promover e dinamizar o debate sobre a situación do mapa de titulacións en calquera dos seus campus.

Na xuntanza tamén se acordou a necesidade de garantir, a través da oferta de titulacións, a defensa da identidade do Campus de Lugo, así como do carácter presencial da ensinanza na institución, ao tempo que estableceu como necesaria a vía da colaboración e entendemento coas outras Universidades e centros do Sistema Universitario Galego para o desenvolvemento coordinado do mapa de titulacións no ámbito universitario galego.
                

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.12.2023.