A USC conta con medio cento de desfibriladores semiautomáticos en Santiago e Lugo

En España faleceron en 2016 por infarto agudo de miocardio preto de 15.000 persoas, segundo datos do INE. Galicia foi a sexta comunidade autónoma con maior número de mortes por esta causa (1.045), unha situación na que se estima que por cada minuto de retraso na aplicación de coidados médicos pérdense entre o 5 e o 10% das posibilidades de supervivencia. Neste contexto, nos últimos anos a USC adoptou medidas de cardioprotección nos seus campus, a través da instalación de desfibriladores semiautomáticos (DESA) e a formación do seu cadro de persoal para que saiban actuar en situacións de urxencia e particularmente nas de parada cardiorespiratoria.
Actualmente nas instalacións da USC existen 51 desfibriladores semiautomáticos, 39 no Campus de Santiago, 10 no de Lugo, así como os respectivos da Estación de Hidrobioloxía Encoro de Con (Vilagarcía) e na de Bioloxía Mariña da Graña (Ferrol). A maiores, as patrullas móbiles de cada un dos dous campus tamén dispoñen dos seus respectivos DESA. A distribución dos equipos de reanimación está deseñada para dar cobertura á totalidade dos centros da USC e cada un deles ten asociado unha persoa responsable que realiza o seu mantemento. Ademais, o Servizo de Vixilancia da Saúde realiza visitas periódicas en todos os centros para revisión dos desfibriladores e a resolución de dúbidas.
Polo que respecta á utilización destes equipos así como a protocolos de intervención en situacións de emerxencia sanitaria, o Servizo de Vixilancia da Saúde da USC formou en primeiros auxilios a preto de 700 integrantes do cadro de persoal da institución universitaria compostelá e actualmente outras 167 persoas (110 en Santiago e 57 en Lugo) están formadas especificamente para usar os equipos de desfibrilación semiautomática. Este plan de formación compleméntase coa realización periódica de cursos de iniciación para o manexo dos equipos DESA entre o cadro de persoal da USC e de reciclaxe, para persoal previamente formado por parte dos instrutores e instrutoras de soporte vital básico e desfibrilación do Servizo de Vixilancia da Saúde.