Ir o contido principal

A USC contará con titulacións que habiliten para o desenvolvemento da profesión de enxeñeiro técnico industrial

Segundo manifestou o reitor, unha destas titulacións estará no Campus de Lugo

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro, que asistiu en Lugo á reunión do Padroado Fundación Rof Codina, compareceu diante dos medios de comunicación para deixar clara a postura da Universidade referente ao que el chamou “mapa de oferta docente post-2010”. E neste senso asegurou que no caso concreto de Lugo será “un dos campus galegos cunha oferta máis renovada e das máis interesantes”. Tamén asegurou o reitor que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior permitirá contar no Campus de Lugo cun grao de Enxeñaría que habilite para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico Industrial.
Referente á polémica xurdida arredor desta titulación, Senén Barro agradeceu a todas as persoas e institucións que mostraron a confianza no reitor e no seu equipo e dixo que o que se está a facer é un redeseño e unha reorientación temática de todas as titulacións, non só na Universidade de Santiago senón tamén en todo o espazo universitario galego, e español. O reitor valorou moi positivamente o feito de que na última apertura do mapa de titulacións fose o campus de Lugo o único non central que recibiu dúas titulacións, as Enxeñarías Técnicas en Topografías e de Obras Públicas, está última coa especialidade en Transportes e Servizos Urbanos. Estas dúas titulacións están tamén agora en proceso de conversión en graos en ditos ámbitos da Enxeñaría, o que permitirá que Lugo conte nun futuro próximo cunha escola de Enxeñaría Civil.
Segundo o reitor, a transformación que se está a desenvolver na oferta docente no Campus de Lugo vai, sen paliativos, na liña de conseguir “unha oferta máis ampla, máis atractiva e de maior calidade”, tanto nos graos como nos másters universitarios.
Actualmente a USC imparte no Campus de Lugo, concretamente la Facultade de Ciencias, o título de Enxeñaría Técnica Industrial, especialidade Química Industrial, titulación que habilita para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico industrial. Por outra parte, no Campus compostelá, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, estase a impartir o título de Enxeñaría Química, neste momento sen competencias profesionais reguladas por lei. A partir destas titulacións, e a proposta dos respectivos centros, por encargo da Comisión de Titulacións do Claustro, aprobáronse os graos de Enxeñaría Industrial de Procesos e de Enxeñaría Química, para os campus de Lugo e Santiago, respectivamente. Nos dous casos coa idea de que habiliten para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico industrial, algo que, segundo o reitor da USC, achega un valor engadido a ditos títulos.
A Universidade de Santiago de Compostela pretende a implantación destes dous títulos, cada un no seu campus, como a mellor opción para aproveitar os recursos disponibles, humanos e materiais, a experiencia e o prestixio dos centros que os acollen, así como o dos seus titulados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2009.