A USC continuará co desenvolvemento do concurso para a contratación de profesorado asociado en Ciencias da Saúde
A USC continuará o normal desenvolvemento da actual convocatoria para a contratación de profesorado asociado en Ciencias da Saúde nos complexos hospitalarios da comunidade logo dun requirimento da Consellaría de Sanidade que solicitaba a paralización deste proceso.
A institución académica non o admite a trámite ao entendelo extemporáneo e mantén o seu respecto polos acordos adoptados nunha xuntanza celebrada o 19 de outubro entre as tres universidades galegas e as consellarías de Sanidade e de Educación e Ordenación Universitaria. Nesta reunión acordárase “por unanimidade” que o proceso “seguiría o seu curso tal e como estaba convocado”.
Así o explicou o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, nunha rolda de prensa na que dixo que ata o momento tentara xestionar este “desagradable asunto” coa máxima “discreción, co máximo rigor e diálogo, sen que “diálogo supoña cesión de responsabilidades”, e levándoo polos “cauces académico-políticos que é por onde se teñen que conducir estes temas”. En calquera caso, concluíu Barro “o que está ocorrendo é inexplicable e intolerable”.
Para o reitor compostelán “non toca agora discutir sobre novas facultades” senón falar de garantías respecto da formación clínica dos estudantes de Medicina da Universidade de Santiago nos distintos hospitais da rede do Sergas. “Esa é a miña máxima preocupación e a miña responsabilidade” ademais de que, lembrou o reitor, “non vamos permitir inxerencias na autonomía da universidade”.
Neste senso, Barro subliñou que a USC “non inventa formas inéditas para atender a formación clínica do seu alumnado”, xa que a convocatoria actualmente en curso para a contratación de profesorado asociado en Ciencias da Saúde é a última etapa dun proceso de planificación previa que se estendeu ao longo dun ano. Nel interviñeron moi activamente a Facultade de Medicina e Odontoloxía, o Servizo Galego de Saúde e o seu persoal nos centros agora implicados para, entre outros asuntos, “discutir o modelo de formación, o número de facultativos necesarios ou os servizos hospitalarios partícipes”. Trátase dun proceso “planificado no tempo e desenvolvido co máximo rigor en todas as súas fases”, engadiu Senén Barro.
O requirimento da Consellaría de Sanidade para paralizar o concurso é un paso máis “contra a razón e a autonomía universitaria” e “unha falta de respecto á Universidade de Santiago e contra ás persoas que representa” xa sexan os alumnos da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC ou os profesionais que se teñen presentado ao concurso.
O rexedor universitario apelou aos acordos alcanzados “por unanimidade” na xuntanza celebrada o pasado 19 de outubro entre a administración autonómica e os reitores. Naquela reunión, ademais de acordar a continuidade do concurso para a contratación de profesorado asociado en Ciencias da Saúde tal e como se iniciara, apelábase ao inicio “de inmediato” do traballo da comisión contemplada no protocolo de colaboración asinado en maio de 2008 polas consellarías de Sanidade e de Educación coas tres Universidades galegas para a formación clínica dos estudantes de Ciencias da Saúde no SUG.
Este protocolo, actualmente sen desenvolver, indica que o “modelo para a formación clínica dos estudantes basearase en colaboradores docentes procedentes do persoal do Sergas”, explicou o reitor ao tempo que lembrou que dende o curso 1978-1979 a USC nomea colaboradores para o desenvolvemento da docencia clínica no antigo Hospital Juan Canalejo, o actual CHUAC, e dende 1987-1988 profesorado asociado en Ciencias da Saúde en distintos centros da rede hospitalaria da comunidade galega.
Senén Barro entende que as universidades galegas “non estamos confrontadas”, se ben non esquece que os feitos das últimas semanas son “inexplicables e contraditorios”.